Gaiás na na procura de sentido
No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o que foi o proxecto da Cidade da Cultura e do que entendo son os seus retos para atoparlle un sentido.
Ningunha persoa sensata pode dubidar hoxe, ao fío dos recurtes dos investimentos públicos en infraestruturas e do gasto en políticas sociais, do despropósito que supuxo o proxecto da Cidade da Cultura do monte Gaiás promovido desde 1999 pola Xunta de Galicia. Un sensentido, un delirio de grandeza, só explicable pola vanidade dun político como Manuel Fraga empeñado en pasar a historia, tamén polo feito de ser o construtor dun monumento faraónico en Compostela que competise coa propia catedral. Un desexo incontible de gloria de Manuel Fraga convenientemente apupado polo seu equipo de aduladores, amparado por unha cultura política de fartura e derroche daqueles anos de aznarismo (de exceso) e burbulla inmobiliaria e incrementado desque foi aprobado o proxecto presentado por Eisenman, un teórico da arquitectura escultórica que non contaba aínda no seu currículum cunha peza das dimensións da súa ambición. Ninguén do entorno do poder conservador nin dos seus medios afíns ousou contradicir os desexos de don Manuel. Ao longo dos derradeiros seis anos de goberno fraguiano todo foi silencio mesto arredor dun proxecto que cada exercicio aumentaba os seus custes de forma tan inaudita como descoñecida para a cidadanía.
A derrota electoral de Fraga en 2005 non afectou a continuidade da construción do monumento de Gaiás, xa que don Manuel deixou todo atado e ben atado, para evitar calquera intención de paralización por parte do novo goberno elixido. Coa lexislatura vencida e durante o período no que estivo en funcións, ao político vilalbés non lle tremeu a man para comprometer a construción dos edificios non iniciados do complexo. O goberno de coalición presidido por Touriño, tras un período de reflexión e participación sobre a viabilidade do proxecto promovido pola conselleira de Cultura Ánxela Bugallo (BNG), non atopou mellor alternativa que continuar as obras, sinalar o obxectivo de abrir ao público os primeiros edificios, reorientar o proxecto do teatro, asumir o reto de desenvolver un programa de contidos para cada edificio (unha cuestión até entón case irrelevante para as finalidades perseguidas por Fraga e Eisenman) e establecer un modelo de xestión dando entrada á participación privada, que dende entón ten maioría na mixta Fundación Cidade da Cultura.
Esta semana, tras un investimento estimado duns 500 millóns de euros (moi lonxe dos 108 do orzamento inicial), inauguráronse dous dos edificios, o do Arquivo e o da Biblioteca de Galicia, ao tempo que se abriron as primeiras exposicións (unha delas sobre a historia dos libros en Galicia) e se celebrou a primeira actividade na Biblioteca, dedicada á figura de Rosalía de Castro. Anúnciase, tamén, a apertura a finais deste ano do Museo de Galicia e decontado a ubicación das dependencias administrativas da recén creada Dirección Xeral do Libro e no Edificio de Servizos Centrais, aínda non inaugurado, de 150 tecnólogos da Secretaría Xeral de Innovación e Modernización e do Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI) da Xunta de Galicia. Adiado até 2013 o inicio do alicerzado do Teatro (a alfaia de Eisenman), e arrumbado no limbo o edificio do “Centro de Arte”, sabemos que os retos próximos dos xestores da Cidade da Cultura son rematar as obras exteriores, facilitar os accesos, tanto dende a cidade como dende a autoestrada, e, sobre todo, atopar un xeito eficaz de convencer ao público a que acuda masivamente a gozar da experiencia estética que supón a visita a un monumento en construción.
Máis alá da demagoxia dos medios que de forma interesada identifican todas as carencias que padece a Galicia do noso tempo no complexo de Gaiás ou da estratexia localista de comparar o seu custo co investido en cada cidade, sería unha irresponsabilidade que non se intentase poñer este complexo de indubidable beleza ao servizo da cidadanía e da cultura e lingua galegas, ao tempo que utilizar o efecto chamada que pode provocar como reclamo turístico para Compostela e para a abrir unha xanela para a visibilidade da cultura galega no mundo. Como é imprescindible, que ao despropósito fraguiano e eisenmaniano hai que atoparlle un novo sentido integrado no marco da cultura galega, xa que sendo unha obra que perdurará no tempo, non pode cegar o desenvolvemento do resto das iniciativas culturais públicas e privadas desenvolvidas ao longo do país. A esta altura, no marco da mudanza profunda do paradigma da comunicación cultural, a Cidade da Cultura precisa dun plano de desenvolvemento estratéxico de cada unha das unidades, con especial atención á Biblioteca de Galicia e ao Museo de Galicia, senllas pezas claves dunha rede de infraestruturas culturais básicas sobre o territorio. Sen este plan estratéxico de contidos, o fracaso da CdC si que pode ser irreversible.