TEMPADA GRANDE
A grande remontada diante do Espanyol foi unha síntese da tempada grande, moi grande do Celta de Berizzo, que con 51 puntos finaliza oitavo, mellorando a posición e puntuación da pasada de Luis Enrique, demostrando que continúa sendo o cabezaleiro indiscutible do fútbol e canteiras galegas. Coma sucedeu ao longo dos pasados nove meses, ao longo do partido cos cataláns, os celestes tiveron momentos de xogo combinativo extraordinario, mais tamén soportaron outros difíciles, fose pola rápida expulsión do porteiro e a lesión dun dos seus atacantes, penalidades superadas na segunda parte con intelixencia táctica e afouteza épica.
Foi tamén a tarde das despedidas de Borja Oubiña e Michael Krohn-Dehli, os dous mediocampistas de luva de seda da última década. A do canteirán resultou un chisco descafeinada, mesmo decepcionante, un acto na lameira mal concibido, que comezou cando faltaban moitos peñistas por entraren aínda no estadio; apenas cinco minutos sen relato nin orixinalidade que non fixeron xustiza aos méritos deportivos e humanos acumulados polo noso capitán de ollada melancólica, tamén o xogador celeste máis valioso do que vai de século. Pola contra, a do dinamarqués resultou moi emocionante, intensa, cando Berizzo o mudou co partido case resolto, xusto despois que estragase unha oportunidade de ouro. A bancada de Balaídos non esquecerá a estes dous xogadores de xenerosidade desbordada, engrenaxes silenciosos que permiten a harmonía do xogo colectivo.
O Celta comezou o partido un pouco frío. Augusto e Krohn tardaron case dez minutos en facerse co control do balón, que voaba toliño dun campo a outro. Co xogo xa acougado nas nosas biqueiras, cando non pasara o primeiro cuarto de hora, os celestes crearon tres grandes ocasións, protagonizadas pola mobilidade de Orellana na media punta e a verticalidade de Santi Mina, que foron dinamitadas por Casilla, un porteiro xigante que imitaba inexpugnable. Porén, o que semellaba sería outra gran exhibición de fútbol de salón estragouse aos vinte minutos, cando un erro garrafal de Cabral e logo outro de Fontás obrigaron a Sergio Álvarez a cometer penalti sobre o arteiro Sergio García, un dianteiro que semella coñecer moi ben as costas do noso Andreu. A inevitable expulsión do gato de Catoira deixou ao equipo en inferioridade, un gol en contra na táboa de marcas e setenta minutos para intentar a remontada.
Nese transo difícil apareceu a afouteza dos nosos, que co partido moi revirado non se viñeron abaixo. Augusto xutou dende a frontal e volveu aparecer o xigante perico para enviar fóra. Despois foi Krohn quen fixo o pase da morte sobre a área pequena e máis tarde Nolito non solucionou con xenerosidade unha contra con Santi e Fabián. Porén, a igualada chegou no minuto 37, cando Krohn filtrou sobre Orellana que xutou duro sobre Casilla, cuxo rexeite foi aproveitado de cabeza por Hugo Mallo, que dedicou o gol a Oubiña. Tras a reanudación, o Celta volveu saír fóra de punto, o que facilitou que apenas transcorridos dous minutos Stuani volvese adiantar aos cataláns cun fermoso chapeu sobre Rubén Blanco, que debutaba de forma imprevista. Xaora, o Celta tirou dos seus fondos de reserva e acometeu a proeza de disputar a oitava posición a cara de can. Un esforzo admirable. Nolito sacou unha falta coa precisión dun cirurxián para que Cabral cabezase e o balón entrase polo pao dereito. Mais os de Berizzo non se conformaron coa igualada e despois de vivir o pavor dun longueirazo dos pericos, Orellana e Nolito fabricaron un contragolpe de lenda con só tres toques, onde a pelota voou de banda a banda, para que o andaluz rematase ao pao dereito, na xogada que a el máis lle presta.
Foi un partido tremendo, emocionante, coma toda esta gran tempada, onde o Celta desenvolveu un fútbol de alta escola, non exenta das dificultades e sufrimentos dun equipo humilde e de canteira. Parabéns a Eduardo Berizzo e ao seu cadro de xogadores por un traballo honesto e tan ben feito como o desta tempada. Celta grande, moi grande.