Onte 1454: Triste Día Europeo das Linguas en Galicia
Coincidiu a celebración onte do Día Europeo das linguas coa notificación recibida na Real Academia Galega na que o Tribunal Constitucional comunica que inadmite o seu recurso de amparo sobre o recurso de casación relativo á sentenza do Tribuna Superior de Xustiza de Galicia sobre o Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario. Un texto de apenas un par de liñas que sen expresar motivación xurídica ningunha liquida o recurso da Academia e deixa sen dereitos lingüísticos aos picariños galegofalantes escolarizados en castelán.
Unha decisión do Constitucional, na que non é moi difícil identificar intencionalidade política, que como sinalou o secretario da RAG deixa en papel mollado a Carta Europea das Linguas Rexionais e MInoritarias, que obriga ao estado español a garantir unha oferta educativa suficiente en cada unha das linguas cooficiais nos niveis educativos non universitarios. Non hai dúbida de que a Academia Galega debe continuar a súa batalla xurídica e recorrer ás instancias xudiciais europeas o Decreto para o plurilingüismo sexa por vulnerar o texto da Carta Europea como por excluír o uso do galego en materias científicas como as Matemáticas ou a Física e Química, como por fomentar os prexuízos sobre o noso idioma.
Neste contexto magooume que nunhas declaracións radiofónicas recentes de Alberto Nuñez Feijoo a Jiménez Losantos, primeiro responsable político do Decreto 79/2010, recoñecese sen arroibarse que a Xunta considera vinculante a polémica consulta ás familias, a pesar de que fose anulada por unha sentenza do TSXG. Para o presidente da Xunta «se a maioría dos pais queren que os seus nenos empecen a ler e a escribir en castelán, empezan a escribir e a ler en castelán a totalidade da aula». U-los dereitos, entón, dos picariños galegofalantes recoñecidos pola Carta Europea das Linguas? U-lo cumprimento do establecido sobre a consulta ás familias na sentenza do TSXG sobre o Decreto para o plurilingüismo? Xaora, con este criterio da Administración educativa galega, do que fachendea Feijoo, estáse erradicando o galego destas aulas de Educación Infantil e do primeiro curso de Primaria, mais tamén o seu seu emprego como lingua de instalación coloquial destes picariños.
Triste celebración do Día Europeo das Linguas en Galicia, cando o retroceso do uso do galego no sistema educativo está sendo promovido polo goberno do propio país. Triste e indignante.