Onte 1452: Manuel Rodríguez Alonso
Faleceu Manuel Rodríguez Alonso, un obreiro das Letras Galegas do noso tempo. Un cancro fulminouno en apenas mes e medio. Foise coa mesma discreción coa que traballou arreo como profesor de instituto e da UNED, como lingüista, como editor, como crítico e, sobre todo, como lector privilexiado da literatura galega actual. Tremenda perda para a crítica literaria galega dunha das súas figuras máis destacadas que desde o seu blog Bouvard e Pécuchet –nome que é unha homenaxe á obra póstuma de Flaubert– atendeu con independencia, rigor e constancia encomiables toda a produción literaria recente, con atención preferente á contribucion dos textos na formación do lector e lectora literario. Non esquecerei os nosos contactos destes dous útimos meses con motivo da súa participación no xurado de Creación Literaria dos Premios da Crítica Galicia 2015, do que de forma xenerosa aceptara formar parte. Manuel Rodríguez Alonso deixa a súa importante obra crítica e ensaística, mais tamén outra non menos relevante, a lexicográfica, como un dos dicionaristas que foi máis destacados da lingua galega. A súa valoración do silencioso traballo editorial, como concienzudo editor de textos que foi, a súa preocupación pola corrección e a calidade da lingua literaria galega marcaron tendencia na crítica galega, transformándose en expresión de autoestima e rigor para o noso sistema literario. Lembrarei a Manolo con gratitude e admiración. Beizón.