Onte 1889: Avance do Comercio Interior do Libro 2016
O avance de datos do Estudio de Comercio Interior del Libro 2016 publicado onte pola Federación de Gremios de Editores de España, a pesar do seu carácter incompleto e de non achegar apenas datos de edición por linguas, amosa unha lixeira recuperación do sector tanto no número de títulos publicados, que se incrementa nun 1,6 %, como na facturación, que despois de case unha década de devalo, sobe un 2,7 % (2.317,20 millóns de €). Con todo, os datos expresan que o número de exemplares impresos continúa diminuíndo, consolidando unha caída de case un 20 % no último lustro, e tanto a facturación como o número de exemplares vendidos aínda está lonxe da acadada no ano 2012, supoñendo unha diminución do 23,1 % (a prezos constantes 34,1 %), con respecto á do ano 2006.
No que atinxe a edición privada en Galicia e en galego os datos achegados por este avance son moi escasos. En todo caso expresan que en 2016 o número de títulos en galego (1.859) incrementouse nun 4,1 %, mais tendo en conta que non todos se editan en Galicia. Como tamén, a partir das porcentaxes do avance podemos estimar que a facturación das editoras galegas foi de 25,49 millóns de euros, o que supón unha diminución do 4,38 % con respecto a 2015, na que facturaron 26,66 millóns. Cifras que poden contextualizarse neste cadro, que elaboramos para unha intervención no Consello da Cultura Galega sobre a evolución do sector de 2003 a 2015.
Considero tamén salientables deste avance a resistencia que amosan tanto as librarías como as cadeas de librarías como canles principais da venda de libros (un 52,7 % da facturación de todo o sector) como a conitnuidade da crise do libro de peto, que nos últimos cinco anos reduciu practicamente á metade o seu volume de edición e facturación. Como non me deixa de chamar a atención que no actual proceso de hibridación, a pesar do incremento do número de títulos dixitais, diminuíse nun 2,8 % o número de exemplares vendidos neste formato, cuxa facturación de 117,19 millóns de € supoñen o 5,05 % da do sector, un incremento de 1,5 % con respecto a 2015, aínda que unha lixeira diminución da cota de hibridación, que nese ano foi do 5,11 %.
Datos que non son nin moito menos para botar foguetes sobre a recuperación do sector editorial, e moito menos en Galicia. No entanto, este primeiro repunte de facturación nos últimos cinco anos, como a capacidade de resistencia das librarias e a ralentización do proceso de hibridación dixital, son cuestións a ter moi en conta nas previsións do futuro do sector editorial.