Listado de la etiqueta: clij

Onte 2024: Xabier, activista do esencial


Tarde moi emocionante a de onte na Coruña na que AELG e Asociación Cultural Alexandre Bóveda homenaxearon ao escritor Xabier DoCampo, primeiro ao pé da súa casa, onde se descubriu unha placa, e máis tarde cunha velada literaria no Teatro Rosalía de Castro. Un serán emocionante no  que puidemos escoitar a voz do mestre chairego, a lectura dalgúns dos seus textos, un conto ao xeito de Xabier da gran Paula Carballeira, tres cancións de Miro Casabella e diversas intervencións das amizades arredor das súas dimensións como profesor, activista e escritor. En palabras do seu amigo Martin Pawley «unha celebración xusta para un home xeneroso, inesquecible». Unha tarde na que se lembrou  tamén a Agustín Fernández Paz, no día do 72 aniversario do seu nacemento, exaltando a súa amizade e os días felices que ambos os dous compartiron cos membros da Xeración Lamote.

Na miña intervención lin unha parte do artigo, «Xabier, activista do esencial», incluído nas páxinas preciosas que o número 289 da revista CLIJ lle dedica, coordinadas con agarimo por María Xesús Fernández. Reproduzo a tradución galega do texto:

É difícil para min saber que non vou escoitar nunca máis a voz de Xabier ao teléfono ou gozar do seu abrazo cando viaxo a Coruña, el que foi sempre un activista da amizade, capaz de conxugar cunha xenerosidade desbordada o verbo compartir. Soubo cultivar a amizade e alentala nos xantares sorpresa que organizaba aos amigos cando necesitaban máis cariño ou asumindo o papel de editor creativo e executivo de libriños colectivos de benvida aos fillos das amigas, unha tradición laica que acuñou. Como sabiamos da importancia que lle concedía á creación das súas nadaliñas, as tarxetas que enviaba cada fin de ano, espazos para a beleza e os afectos, ou a publicación das súas cartas, xénero epistolar que utilizaba de forma maxistral para expresar as súas conviccións e a súa indignación necesaria. Coñecía o valor incalculable da amizade cando traballaba co ilustrador Xosé Cobas, con quen formou unha extraordinaria parella creativa, cando falaba todas as noites con Agustín Fernández Paz, a quen coñeceu como o seu titor de prácticas de Maxisterio, ou cando conversaba sen reloxo co seu veciño Óscar «Martin  Pawley», con quen compartía a súa devoción polo cine, a narración e o valor incuestionable da razón da ciencia.

Sabía do imán da amizade cando plantamos con Agustín un carballo na finca da súa casa de Vilarón, que medra e medrará indómito na memoria dos nosos afectos. Como era consciente de que formaba parte dunha xeración de mestres galeguistas, xunto a Agustín, Paco [Martín], Fina [Casalderrey], Xabier [Senín], Chus [Fernández], entre outros, á que nalgún momento bautizamos como «Xeración Lamote», activistas todos da «escola das pombas e as mazás», metáfora precisa para definir o modelo de escola pública galega polo que traballaron durante décadas. Foi tamén Xabier «activista do esencial» en todas as súas manifestacións, como a el lle gustaba xustificar o seu compromiso como primeiro promotor de Prolingua, plataforma apartidaria de defensa e promoción da lingua galega, ou coa renovación pedagóxica como fundador de Preescolar na Casa, Nova Escola Galega e a Revista Galega de Educación. Activista da literatura infantil como fundador de Galix e membro da OEPLI, como creador de fantasías marabillosas como Bloc, a revista de arte e literatura infantil, ou como conferenciante e contador incansable, sen esquecer que o compromiso de levar a radio, o cine e o teatro á infancia ocupou moito tempo das súas arelas.

Xabier foi un activista dos libros, que concibía como un lugar de encontro, aos que amaba como obxectos preciosos, consciente de que eran o mellor espazo para compartir coas persoas amadas. Foi activista da lectura e das bibliotecas e das escolas nas que se lía e se escribía como dúas iniciativas individuais que axudan a coñecernos e a recoñecernos, ao mesmo tempo que facilitan que todos poidamos converternos en narradores capaces de facer coma el, viaxeiro insubornable, da nosa vida relato. Non esquecerei aquel 13 de decembro de 2017, cando presentamos na librería Trama de Lugo A nena do abrigo de astracán, a novela longa para persoas adultas que miniou durante a última década; tarde na que defendeu ante un centenar de persoas emocionadas coa súa despedida que a literatura esfiañaba a vida. Comparto agora o que escribiu a súa nai en Catro cartas (2000), o seu libro máis testemuñal:

«Pensei moitas veces que o que ti facías era a máis precisa metáfora da lectura. Na costura pártese dun anaco de tea que hai que cortar e coser. Ler un libro tamén é construír unha historia a partir dun patrón. É o lector o que haberá de cortar e coser aquelas palabras para armar a historia. A lectura é un traxe que senta ben a alma e a embelece, como o vestido ao corpo».