Artigos

Onte 312: Daniel Pennac e a literatura industrial

Grazas a unha anotación de Txetxu Barandiarán cheguei a unha interesante entrevista en Clarín co meu admirado Daniel Pennac. Impactoume o titular, «O 99% da literatura industrial é lixo», máis pola clarificación que supón este sintagma novidoso («literatura industrial»), sen dúbida para referirse aos libros non literarios de lectura e venda rápida e masiva, ca pola súa valoración, que podería admitir matizacións e honrosas excepcións. Pareceume, tamén, valiosa a diferenciación que o autor de Mal de escola introduce entre os conceptos de «lector» e «ledor» («aquel que mantén unha relación intelectual co que le, que pode cuestionar»), así como a súa crenza na existencia da fisioloxía do lector («no acto de ler hai algo fisicamente delicioso») para explicar o tantas veces citado «pracer da lectura». Porén, entendo que a cerna do que está sucedendo co proceso imparable de frivolización e homoxeinización da edición internacional, denunciado por Pennac, non radica na perda do seu carácter artesanal –algo que ven sucedendo dende hai máis de tres década– nin sequera na evidente redución do espazo do literario no mundo do libro nin no tránsito cara o paradigma dixital. O fulcral reside en que o libro perdeu a súa condición de «ben cultural», sendo considerado agora coma outro produto de consumo máis das industrias do lecer. Un fenómeno que algúns editores expresamos como «o tránsito da industria editorial dos departamentos de Cultura e Educación ao de Lecer e Espectáculos». Unha mudanza decisiva.