Artigos

Chopos de Coia

No artigo da semana da edición impresa de Faro de Vigo reflexiono sobre a delirante pretensión da concellaría de Parques e Xardíns de cortar os catro centos cincuenta chopos da avenida Castelao. Afortundamente, semella que só foi un tasacordo e a concelleira «renuncia a facelo». Como o artigo non foi publicado na edición electrónica do xornal, copio o texto:

A pretensión do concello de Vigo de cortar os catro centos cincuenta chopos (“populus nigra”) do boulevar da avenida Castelao, cunha altura duns quince metros e unha idade entre os trinta e os corenta anos, deixounos abraiados. E moito máis cando coñecimos que a razón aducida pola responsable da concellaría de Parques e Xardíns para prescindir deste grande arboredo urbano é que “os chopos xeran moitos problemas alérxicos por mor das peluxes que soltan”. A pesar de que nos últimos anos xa estamos curados de espanto sobre as declaracións e iniciativas dos nosos corporativos, considero que neste caso urxe unha reflexión máis serena e matizada sobre unha decisión que de levarse adiante privaría ao conxunto dos vigueses dunha parte do noso patrimonio forestal e dunhas pezas senlleiras da identidade urbana da cidade de Coia.

Cortar catro centas árbores en dous anos e substituílas por outras de copas máis baixas e maior colorido (como tamén manifestou a concelleira) non é unha decisión política rutineira semellante á muda do mobiliario urbano nin, por semellante que parecese, ao cambio do tipo de flores empregados nos xardíns e boulevares. Unha actuación tan agresiva co arboredo debería, como mínimo, estar avalada por un informe científico do seu impacto ambiental. Ata agora as razóns aducidas para cortar os chopos dos Catro Camiños (bo sería que en Coia se recuperase no viario a súa toponimia tradicional estudada por Iván Sestay Martínez) semellan que non teñen suficiente entidade. Diversos especialistas en alerxias e enxeñeiros de montes da Universidade de Vigo coinciden nas súas declaracións en que os amentos florais dos chopos (esas peluxes que arrevoan a avenida cubríndoa co seu manto branco) non son os causantes das alerxias que moitos sufrimos nestes días de tránsito cara o verán, cando os niveis de pole de gramíneas e oliveira son moi elevados. As peluxes dos chopos non conteñen pole, aínda que, indubidablemente, axudan a dispersar sementes e outros elementos contaminantes.

Parécenos unha falacia, tamén, esoutro delirante compromiso municipal de “substituír as árbores da cidade que poidan producir alerxia”, que de ser considerado ao pé da letra nos levaría a prescindir de boa parte do noso patrimonio natural do monte do Castro, dos parques de Castrelos, A Guía  e a Riouxa, por non falar da formidable coroa vexetal do noso periurbano, un patrimonio natural do que deberíamos sentirnos orgullosos e corresponsables de devolverllo aos nosos netos en mellores condicións que nós o recibimos. Unha práctica que non sempre soubemos respectar en Vigo, unha cidade que arrasou coas laranxeiras de García Barbón e Policarpo Sanz e os camelios da avenida de Beatriz, ou con boa parte das árbores da Gran Vía, de Úrzaiz, da rúa Coruña, de Pi e Margall, do Paseo de Afonso, caídas en cada nova humanización. Todo un paradoxo nunha cidade simbolizada por unha oliveira que nestes días ten sitiadas as súas raíces centenarias na proximidade das gadoupas das excavadoras. Unha cidade na que, non esquezamos, cortar árbores no entorno urbano está prohibido pola normativa municipal, que obriga ao seu traslado cando por algunha circunstancia de forza maior debe ser retiradas dalgún lugar concreto.

Ninguén pode dubidar que algunhas alerxias teñan a súa orixe nos elevados índices de pole na atmosfera, mais tamén debemos recoñecer que outras moitas son producidas polos altas taxas de contaminación emanadas da combustión dos vehículos. Conseguir unha cidade menos contaminada é, seguramente, o mellor xeito de asegurar unha vida máis saudable para os seus veciños. As árbores son fontes de vida e de luz para todos. Como esa formidable ringleira de chopos de Coia que durante décadas foron os amortecedores primeiros da contaminación acústica e atmosférica das ríadas de vehículos que percorren a avenida. Chopos que crean espazos de sombra, socialización e lecer para milleiros de veciños e veciñas de varias xeracións. Chopos que artellan unha pantalla de frescura no bochorno estival, amparando a súa veciñanza, e debuxan o perfil do urbanismo vigués menos agresivo das últimas décadas do século pasado.

O debate sobre o futuro dos chopos de Coia debería ser reconducido pola corporación transformándoo nun proxecto global dunha cidade saudable e para todos. Vigo necesita proporcionar vida renovada a todas as súas árbores (bo sería censalas e diagnosticar o seu estado); mais o Vigo futuro precisa plantar milleiros de novos carballos, camelios, magnolios, árbores froiteiras que inunden en ringleira o perfil das nosas rúas; como o corredor do Lagares precisa de centos de salgueiros, chopos e ameneiros. No entanto, se queremos esta cidade das árbores, primeiro debemos evitar cortar os chopos de Coia.