Artigos

Campo do Fragoso CXLVII

SAN CHARLES

Charles foi o gran protagonista da merecida vitoria do Celta. Dous golazos do dianteiro de Belém na segunda parte permitiron unha marabillosa remontada diante do Valencia coa que moi poucos seareiros soñaban no descanso. Semella que os goles malogrados no Bernabeu hai apenas unha semana serviron de aliciente para un xogador afouto e moi traballador que no serán de onte tivo unha grande actuación e viviu na lameira do vello Balaídos o seu partido de maior gloria como celeste.

O fillo de Careca, o pai de Charles Dias foi tamén futbolista, xa avisara no minuto dezasete cando xutou con moita convicción sobre o porteiro valencianista, tras unha gran xogada de Orellana, que recuperou no campo propio, conduciu con velocidade pola banda e serviu en superioridade para que o paraense rematase en solitario. Inevitablemente lembramos aqueloutra xogada moi semellante de Charles diante de Diego López, que hai sete días puido ter mudado a deriva celeste fronte os brancos. Este primeiro tenteo de Charles co gol repetiuno poucos minutos despois Álex López cun remate de tacón moi elegante, tras unha boa xogada de Augusto Fernández as portas da área pequena.

Porén, cando o Celta comezaba a acadar a súa intensidade óptima de xogo, xusto coincidindo coa metade da primeira parte, unha perda de Borja Oubiña en medio campo permitiu que Jonás distribuíse sobre Feghouli e que este centrase a pracer sobre Parejo que libre de marca ningunha adiantou o seu equipo na táboa de marcas dunha cabezada. O erro do capitán e da cobertura defensiva toda abatiu ao Celta durante bastantes minutos. Os de Pizzi controlaban a posesión e diante dun Celta sen alternativas ameazaban con resolver o partido noutra gadoupada, como unha de Jonás que Yoel por ventura salvou in extremis. Con todo, unha aparición creativa de Rafinha, faltando apenas dous minutos, xutando dende a frontal da área, tras canear a dous defensas, puido igualar a táboa de marcas.

Tras a reanudación as cousas mudaron de raíz. No vestiario a filípica de Luis Enrique conseguiu devolver a confianza ao seu cadro que empatou apenas transcorridos cinco minutos. O gol naceu dunha xenialidade de Rafinha que serviu sobre Charles, que gañara a posición ao seu marcador, para que este xutase duro superando, esta vez si, ao porteiro. O gol funcionou como revulsivo e o Celta con afouteza e convicción foi a pola vitoria. Coa entrada de Nolito e Krohn, Luis Enrique gañou máis profundidade pola bandas, deixando maior liberdade na chegada de Rafinha, un xogador que comeza a medrar como agardabamos. Os valencianistas víronlle as orellas ao lobo e intentaron romper o ritmo celeste simulando lesións en cada unha das caídas. Foilles unha torpeza antideportiva. O delirio celeste chegou tras unha cantada da defensa valenciana, que Charles moi arteiro soubo aproveitar coma merecía semellante oportunidade: xutando coa perna moi forte e colocado sobre o pao dereito, co corazón batendo a máxima potencia. Un gol para lembrar pola súa fermosa execución, mais tamén polo que supuxo para a recuperación anímica do noso goleiro, tras un período onde non tivo sempre os ventos propicios. O cuarto de hora que restaba foi épico e emocionante. Con senllos postes en ambas as dúas portarías, os de Luis Enrique non se amedrentaron en momento ningún e souberon xestionar a súa vantaxe.

Unha vitoria moi valiosa, que afasta aos nosos dos postos de descenso, xusto no remate da primeira volta. Con todo, a ledicia coa que saímos do estadio non pode agochar as feblezas do actual cadro celeste e a necesidade de reforzar cada unha das liñas cun xogador para continuar na pelexa durante a segunda volta.