Onte 1182: Cara á edición híbrida
Estivemos onte facendo balance da oferta dixital de Xerais e levamos algunhas sorpresas. Acadamos os 186 títulos no catálogo dixital da editorial dos que 153 son libros literarios en formato epub (81 de Narrativa, 1 de poesía, 8 de ensaio e 63 infantís e xuvenís) que distribuímos en librarías dixitais (Amazón, Itunes, Casa do Libro, El Corte Ingles e na propia tenda en liña de CGA) e no programa de préstamo bibliotecario dixital «Galicia le». Oferta dixital que completamos con 15 títulos literarios e educativos en formato pdf, correspondentes a obras xa descatalogadas en papel, que se ofrecen en liña e de forma gratuíta e outros 17 educativos, distribuídos en liña e, nalgún caso, en soporte pendrive. Unha oferta que constitúe apenas o 10 % do catálogo vivo de Xerais, mais que neste ano incrementamos moi decididamente, xa que acadaron as 84 referencias (80 literarias en epub e 4 educativas), cifras moi semellantes ás edicións de novidades impresas que foron 94. A produción editorial de Xerais xa é híbrida, a pesar de que este catálogo dixital supoña neste 2014 apenas o 1,14% das nosas vendas. O tránsito cara esta edición híbrida acentuouse neste ano que estamos a piques de rematar. Unha tendencia a ter en conta no conxunto do sector da edición en galego.