Campo do Fragoso CXIII
YOEL SALVADOR
O Celta completou a súa xeira máxica cunha cuarta vitoria, manténdose, ademais, imbatido en Balaídos por terceira xornada consecutiva. Tras un resultado moi axustado e un período de prolongación de nove minutos, no que Yoel salvou a vitoria cunha intervención extraordinaria, o equipo de Herrera emproa o derbi con todo o seu velame aberto. Despois de catro tempadas vividas na desolación, o Celta presentarase o domingo en Riazor coa autoridade que lle dá ocupar postos de ascenso, como corresponde ao equipo sólido e competitivo que quere a súa afección para estes partidos importantes co Coruña. Non foi doada esta vitoria pola mínima diante dun Cartaxena máis frouxo ca en tempadas anteriores. O Celta non soubo levar ao marcador a súa magnífica saída na que defendeu dende moi arriba, algo o que non estabamos afeitos, presionando xa dende o terreo contrario, o que obrigaba aos albinegros ao xogo do pelotazo. Neses vinte excelentes minutos, nos que o Celta mandaba, Orellana e un Bermejo moi batallador estragaron oportunidades moi claras para marcar. Porén, a medida que a presión inicial foi decaendo, o partido entrou nunha fase de horrible aborrecemento, motivado, en boa medida, polo diletancia de Bustos e as súas voltas e reviravoltas para axilizar o ataque e pola escasa participación de Álex López nos lances do xogo. Non foi estraño que este devalo permitise aos dous puntas do Cartaxena que se fixesen notar, procurando atoparlle as costas a Jonathan Vila e a Andrés Túñez, desta volta a nova parella de centrais. Con todo e a pesar de xogo tan gris sobre a esvaradía lameira, de cando en vez producíanse alustros de xenialidade combinatoria entre os dianteiros celestes, que están tempada queren poñer dinamita nas súas biqueiras. Bermejo debeu marcar de chilena tras un excelente centro de Quique de Lucas. Poucos minutos despois, a piques de rematar a primeira parte, o extremo celeste volveuno intentar con outro centro envelenado, dende a dereita; desta volta houbo fortuna, xa que o central Abraham Paz chegou un pouco xusto e só foi capaz de despexar sobre o longueiro da súa propia porta, de xeito que a pelota botou na propia liña de meta, onde agardaba Iago Aspas, o noso dianteiro en estado de graza, para empurrala a porta baleira. A segunda parte foi moito máis movida e emocionante para a bancada. O Celta deixou a iniciativa aos murcianos e buscou o seu gol da tranquilidade ao contragolpe. Abofé que tivo case media ducia de oportunidades para conseguilo, mais aos dianteiros celestes sobráronlles caneos e faltoulles xenerosidade combinatoria nas súas accións. Sobre todo foi unha mágoa que Aspas, tras unha recuperación magnífica e unha carreira velocísima, preferise xutar (e errar) que ceder a De Lucas, situado en mellor posición para marcar. Porén, ben sabemos que cando non se aproveitan eses goles feitos, dalgún xeito se lle están dando azos a que sexa o rival que o intente. E así sucedeu co Cartaxena que un minuto despois da estrondosa “chupada” de Aspas puido empatar cando Chamorro quedou só diante de Yoel e, neses segundos intensos de man a man, non foi quen de superalo. Con todo, máis extraordinaria foi a seguinte intervención do porteiro de Arbo, cando no treito derradeiro salvou de auténtico milagre un cabezazo de Abraham Paz, tras un minutos nos que os de Herrera tiveron que defenderse de forma meduliana. Non hai dúbida que foi Yoel con estas dúas grandes paradas o que gañou un partido que os dianteiros celestes non souberon pechar. Unha gran actuación que, ademais, sabemos reforza a confianza do equipo e da bancada nun porteiro novo, que comezou a tempada de forma vacilante.