Listado de la etiqueta: carta_europea_das_linguas_rexionais

Onte 1099: No día europeo das linguas

Dende 2001 celébrase cada 26 de setembro o Día Europeo das Linguas. Promovida polo Consello de Europa, esta xornada pretende alertar á cidadanía europea de todas as idades da importancia da aprendizaxe das linguas ao longo de toda a vida e de promover a riqueza e diversidade lingüística en Europa, que debe ser preservada e valorada. A efeméride concíbese, pois, como unha oportunidade de fomento do poliglotismo e respecto pola diferencia lingüística e cultural, sobre todo, nos centros educativos aos que se convida a organizar actividades con este motivo. A súa celebración en Galicia sempre estivo moi vinculada ao proceso de normalización da lingua galega e ao cumprimento do establecido na Carta Europea das Linguas Rexionais, aprobada en 1992 e asinada polo reino de España, texto esencial, non o esquezamos, que obriga ao conxunto das administracións do estado. Nesta edición, ademais, coincide co décimo aniversario da aprobación do PXNLG, o documento no que se recolleu o consenso social máis amplo e recente sobre a normalización da lingua de todos. Nun entorno de auténtica emerxencia para o futuro do galego, cunha situación baixo mínimos no sistema educativo, sobre todo nas etapas temperás, neste Día Europeo das Linguas é oportuno reclamar un plan integral de recuperación do galego acordado e apoiado por unha ampla maioría social e política. Pagaría a pena intentalo.

Onte 427: O terceiro informe sobre aplicación da Carta Europea das Linguas

Recomendo moi vivamente a lectura da tradución preparada por Prolingua das páxinas que atinxen ao galego do  3º Informe do Comité de Expertos con respecto a España na aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Como tamén son moi valiosas as consideracións que Prolingua realiza sobre este documento (máis dun milleiro de páxinas) do Consello de Europa que supón unha emenda á totalidade da política lingüística desenvolvida polo primeiro goberno de Núñez Feijoo. No eido do ensino o documento supón unha descualificación sen paliativos do Decreto de Plurilingüismo por, entre outras razóns, «constatarse a redución progresiva do uso do galego en todos os niveis e unha diminución da súa estrutura de apoio». Como tamén é contundente a solicitude á Xunta de Galicia dun «número suficiente de escolas que ofrezan educación completamente ou esencialmente en lingua galega». Mais o informe non denuncia só o retroceso do estatus do galego no sistema educativo, tamén o detecta na súa implantación na administración pública e na xustiza, así como denuncia unha relaxación do seu emprego nas institucións galegas. Outrosí sucede co seu emprego por parte dos medios de comunicación privados que apenas chegan a publicar/emitir o 10 % en galego. Pola contra e para a vergonza do goberno de Feijoo, o documento abeizoa a Cataluña e Euskadi, comunidades consideradas polo Consello de Europa como modelos de protección de cadanseus idiomas naturais. Os contidos referidos ao galego deste documento, que destaca pola súa redacción clara e concepción eminentemente didáctica, poderían ser moi útiles para preparar a folla de rota que levase á recuperación do consenso sobre o estatus do galego, dinamitado ao inicio da pasada lexislatura. Un proceso que cremos inevitable, moito máis, aínda, cando é probable que no futuro inmediato se resolvan en idéntica dirección os recursos ao Decreto do Plurilingüismo presentados diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Ben está ir preparando o camiño.