Magnífica première do Caderno do Nilo de Cesáreo Sánchez Iglesias nas Portas Ártabras da Coruña. As grandes intervencións dos poetas Antía Otero e Xavier Seoane presentaron o que tras trinta e cinco anos de traxectoria supón o décimo sexto libro de poemas do actual presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Comezou Antía Otero o seu discurso salientando «a calidade coa que Cesáreo se achega aos autores e autoras novos, preocupándose pola súa situación». Citou Nilo. Cartas de Exipto, o libro publicado por Flaubert en 1850, no que a viaxe se concibe como camiño común. Insistiu na vontade contar, de deixar rexistro presente en todo o Caderno do Nilo, onde Cesáreo «reconstrúe a viaxe de xeito contundente e dupla, a primeira a das lecturas do lugar, a segunda a da viaxe en si, á que habería que engadir unha terceira, o ronsel que deixa a memoria da crónica». Antía rematou o seu texto sinalando que «Cesáreo vive a arte de ver coa de escribir, nun descubrimento continuo».
Pola súa banda, Xavier Seoane comezou calificando a obra de Cesáreo como «longa e variada». «Traballa en verso libre, ofrecendo libros unitarios. Melómano empedernido posúe unha voz lírica con carácter contemplativo. ademais dunha dimensión ontolóxica, existencial e transcendente. Cesáreo é un poeta telúrico, da paisaxe, interesado polo antropolóxico e etnográfico, iniciático. É un lector e viaxeiro empedernido, interesado pola cultura doutros países, procurando alteridade, interculturalismo, é un galego polo mundo». Referiuse despois a Caderno do Nilo, «un libro no que hai unha filosofía da viaxe, no que se experimenta a transformación do eu, coa intención de ver o descoñecido, o que non somos». «Cesáreo é un viaxeiro documentado, capaz de asumir un certo risco. Viaxa cos ollos abertos, onde teñen moita importancia os sentidos, as sinestesias, os sons, os olores». «Este libro lembroume aquilo que dicía Novalis “a poesía é o real absoluto”, xa que é un intento de verbalización da experiencia vivida na viaxe». «Caderno do Nilo ten unha dimensión narrativa, dietarista, ensaística, coma unha visión de todo un mundo. É un libro que partindo da poesía ábrese xenericamente». Sinalou Seoane o ritmo devalante da escritura, que lle lembrou ao mestre Otero Pedrayo, «unha escritura ao ritmo do río, unha especie de pálpito». Non esqueceu salientar Xavier os aspectos estilísticos do libro, «as descricións son impresionistas, perceptivistas e sensibles», «este é un libro moi de pincelada, de alento». «A adxectivación é moi nutrida e as personificacións expresan a respiración da vida». Citou despois algunhas das metáforas que máis lle aquelaron: «A xeometría crea a divindade», «viaxo ás preguntas»… «No libro hai unha ollada de poeta na que xoga entre o real e o irreal, o aprender e o desaprender, entre o grandioso e a escala do detalle, a beleza fronte a beleza, a soidade impregnando para que todo fecundase». Rematou Seoane a súa intervención salientando que o libro concibe «a viaxe como unha experiencia cultural e creativa na que se crea outro tempo mías humano».
Antes de dar comezo o seu recital, Cesáreo agradeceu as intervencións dos presentadores e confesou que «sempre viaxou para que a nosa cultura volvese enriquecida, toda viaxe é anterior ao centro da propia soidade».