Listado de la etiqueta: banquete_de_conxo_2.0

Onte 1477: Evitar o fracaso

desuniónNon lle deamos moitas reviravoltas, polo que limos estes días o 20 de decembro non haberá candidatura unitaria galega nin despois grupo parlamentario soberano que nos represente. Só un milagre da providencia laica in extremis, que espero se produza nas próximas horas, podería evitar esta decepción, esta desilusión tan fonda e dolorosa. Un fracaso colectivo en toda regra, do que dunha ou doutra maneira todos, dende a cidadanía até as organizacións políticas e sociais, seríamos responsables.

As persoas independentes que acreditamos neste soño durante os tres últimos meses fracasamos propoñendo un imposible. Fomos unhas inxenuas que non entendimos que despois do éxito das Mareas nas municipais de maio as direccións de AGE e Podemos asumiron un compromiso de comparencia conxunta para as seguintes convocatorias, Xerais e Galegas. Non entendimos que as cúpulas desas organizacións cando falaban retoricamente de «unidade popular» non querían outros acordos ca non fosen os acadados entre elas. Explícase así que as alcaldías de Santiago e A Coruña non participasen na manifestación do 25 de xullo a prol da unidade ou que os membros destas forzas políticas fosen tan pouco entusiastas neste esforzo colectivo.

As angueiras e ilusións de numerosas persoas de procedencias políticas e ideolóxicas ben distintas, que promovemos o Banquete de Conxo 2.0 e a Iniciativa pola Unión, reclamando unha candidatura unitaria galega sen exclusións quedaron en auga de castañas. Xaora, o proceso de converxencia entre as plataformas cidadás, IPU e ECPMG, como a convocatoria do foro de partidos, foron finalmente vítimas do choque de dúas estratexias do seitarismo florentino, esa doenza crónica que dende hai catro décadas padecen a esquerda e o nacionalismo galego. Tras a ruptura, o sucedido foi apenas teatralización e xestión comunicativa pre-electoral da imposibilidade dun acordo unitario.

U-la orixe de tan decisivo fracaso? Faltou máis xente que exixise a unidade e condicionase aos partidos. Faltou intelixencia colectiva para enxergar o futuro dun país en declive, case ao borde do abismo. Faltou xenerosidade por parte de liderados emblemáticos para asumir no proceso un papel facilitador. Faltou transparencia nos (escasos) contactos institucionais entre os partidos. Faltou afouteza no BNG para acudir ao foro da Marea Galega e denunciar alí as exclusións inxustificable doutras forzas. Mesmo faltou humildade, agarimo e o emprego de sintagmas de afecto e simpatía, actitudes, comportamentos e palabras tan necesarios en xentes que procuran acordos sinceros.

De confirmarse, este fracaso sería outra oportunidade perdida para a reconstrución do proxecto de Galicia como suxeito político. Mais se quedase algunha mínima posibilidade de reconducir o proceso de diálogo, por cativa que fose, habería que apostar por intentala. Se non fose posible, agardo que polo menos unha nova xeración da cidadanía galega, máis cedo ca tarde, substitúa ás persoas e ás organizacións que de forma tan desintelixente impediron un acordo posible e necesario para que todos os partidos nacionalistas e non nacionalistas comparecesen nunha única lista galega. Insisto, non renunciemos á esperanza.

Candidatura galega

No artigo da semana no Faro de Vigo reflexiono sobre o proceso de conformación dunha Candidatura unitaria galega.

AutoBandeira3-1004x500Son cada vez máis propicios os ventos para a formación dunha candidatura galega que participe con garantías de éxito nas eleccións Xerais. Unha única candidatura galega que alicerzada nun amplo movemento cívico de sensibilidades plurais teña por obxectivo acadar representación nas catro provincias e conformar un grupo parlamentario galego soberano nas Cortes sen ningunha outra obediencia que non sexa a de defender políticas favorables aos intereses da inmensa maioría da sociedade galega e á continuidade de Galicia como suxeito político de seu. Unha candidatura de unidade galega sen exclusións enxergada como un soño compartido por milleiros de persoas na mobilización cidadá do pasado 25 de xullo, demandada nos diversos manifestos e declaracións políticas publicadas ao longo do verán, como avalada pola experiencia xerada nos procesos de participación cidadán co que agromaron as exitosas mareas e candidaturas municipalistas na pasada primavera. Semella, pois, que contar cunha candidatura galega é un deses soños posibles polos que paga a pena teimar.

O entusiasmo xerado nas convocatorias promovidas nos últimos meses polos membros do Encontro Cidadán por unha Marea Galega e pola Iniciativa pola Unión, as dúas plataformas cidadáns que traballan a prol deste proxecto político, amosa que a pesar do axustado do calendario, das incertezas e dalgunhas resistencias, inevitables nos procesos de cambio e converxencia, aínda é posible conformar unha única candidatura que nas vindeiras Xerais represente as diversas sensibilidades da esquerda e do soberanismo existentes en Galicia. Unha opción electoral de unidade popular, que conte polo tanto coa sólida base achegada por un movemento cidadán activo en todo o territorio galego, mais apoiada tamén por partidos que renuncian as súas siglas e colaboran na construción dun espazo político común alternativo ao establecido polo Partido Popular e polo PSdeG-PSOE. Unha candidatura galega nacida da xeración do común, un proceso complexo de converxencia de persoas, mareas e candidaturas municipalistas e partidos nacionalistas e non nacionalistas que dende posicións ideolóxicas e procedencias do activismo social e político diversas asumen que por riba das súas diferencias son moitas máis as ideas e os azos de cambio profundo que comparten.

O obxectivo dunha candidatura galega destas características non pode ser outro que facerlle fronte a situación de auténtica emerxencia que vivimos en Galicia, un país en perigo de extinción que precisa activar todos os seus recursos, todas as súas potencialidades produtivas e resetear a súa economía para xerar máis traballo e benestar para a súa cidadanía. O imparable devalo demográfico e a nova onda emigratoria da nosa xeración mellor formada, que ameaza con destruírnos como pobo; a crise ruinosa dalgúns dos nosos sectores estratéxicos, como o leiteiro, o forestal, o eólico ou a construción naval; as taxas de desemprego e índices de pobreza e exclusión social máis elevados da nosa historia; o perigoso endebedamento da Xunta de Galicia por riba dos dez mil millóns de euros ou a incapacidade de aproveitamento tarifario da nosa produción de enerxía electrica constitúen apenas indicios da precariedade dun país que ten moi serias dificultades para ofrecer os servizos básicos de educación, sanidade e dependencia e atender ao marco competencial recoñecido no seu autogoberno. Contar cun grupo parlamentario galego soberano nas Cortes é unha forma de saír deste conformismo paralizante que nos mingua, mais tamén é un valioso altofalante para expresar de primeira man as demandas da súa cidadanía e participar como suxeito político no debate decisivo que alí se produza sobre a nova articulación territorial do estado.

Para conformar esta candidatura galega cómpre que calle canto antes o proceso de confluencia nunha única plataforma cidadá na que se sumen os esforzos das dúas hoxe existentes, o Encontro Cidadán pola Marea Galega e a Iniciativa Pola Unión. O obxectivo non é outro que crear unha única ferramenta de converxencia de adscrición individual capaz de nun tempo moi escaso dotar á candidatura de personalidade xurídica, de desenvolver a súa proposta programática e de organizar un proceso de primarias do que sairían as candidaturas. Considerar o común como un espazo dinámico de encontro, activar a participación de varios milleiros de persoas con azos de cambio en todo o territorio galego, contar coa responsabilidade dos partidos, mareas municipalistas e os seus liderados emblemáticos na facilitación dos acordos son condicións imprescindibles para o éxito deste proceso con vontade de constituirse en histórico. Somos moitos as persoas que confiamos esperanzados nesta unión polo porvir.

Onte 1429: Acto das Arengas

acto_das_arengas_compostela_01-09-2015

Co Acto das Arengas, a presentación no serán de onte en Compostela da Iniciativa pola Unión, deuse outro pasiño máis no proceso de converxencia de iniciativas políticas cidadáns cara a formación dunha candidatura unitaria galega que teña por obxectivo a formación dun grupo parlamentario galego soberano. Obxectivos que foron expresados polas persoas intervinientes, membros da Coordinadora da IPU nacida o pasado 23 de agosto no Banquete de Conxo 2.0.

Suso Díaz defendeu as candidaturas de unidade popular «xa que nunha situación de emerxencia como a que vivimos en Galicia ningún partido en solitario é capaz de modificala». O veterano sindicalista ferrolán de CC.OO propuxo a formación dunha candidatura unitaria galega de nacionalistas e non nacionalistas «coa intención de conseguir un grupo parlamentario soberano sen obediencias a ninguén, mais capaz de colaborar con outros grupos que defendan políticas anticapitalistas semellantes».

A xornalista Olaia Rodil salientou en que «dende tradicións e espazos de activismo social diversos é posible construír un espazo de converxencia, «a Iniciativa pola Unión artéllase como un ferramenta útil para pular por este proceso». Lois Pérez, xove concelleiro de Ribeira, insistiu que nunha situación de emerxencia social, politica e institucional como a actual. «A IPU é unha ferramenta de futuro. A Coordinadora da IPU pretende confluír con outras iniciativas e persoas que comparten o mesmo obxectivo, sumar en positivo».

No acto foi convidada a intervir Einés Monteagudo, en representación da Coordinadora da Marea Galega, que comezou o seu discurso expresando a súa convicción de que as iniciativas da Marea Galega e Pola Unión «temos moito en común e temos o deber de entendernos». Insistiu na importancia de artellar ferramentas para facilitar a unidade popular «e exercer unha presión sobre os partidos políticos para que estean á altura dunha sociedade que berra por cambiar».

Remataron as intervencións a activista Elvira Souto, que solicitou o apoio para a «Declaración de Conxo», e o guionista Carlos Ares que convidou a unirse a esta iniciativa con ledicia, «procurando vento nas velas, xa que hai moitas máis cousas que nos unen ca nos separan».

Onte 1420: Esperanza pola unión

banquete_de_conxo_23-08-2015

Foi histórica a reunión de onte en Conxo na que se deron pasos decisivos no proceso de formación dunha candidatura que permita a formación dun grupo parlamentario galego soberano nas vindeiras Cortes. A bautizada como «Iniciativa pola Unión», dende sensibilidades políticas e ideolóxicas moi diversas, acordou traballar por unha candidatura galega sen exclusións de ningún tipo, construída sobre un movemento social, cívico e participativo de adscrición individual. Un obxectivo moi semellante (ou idéntico) ao sinalado o pasado sábado pola Marea Galega. Unha coincidencia que obriga a abrir decontado un espazo de diálogo destas dúas iniciativas plurais protagonizadas pola cidadanía galega. Xaora, queda pouco tempo para percorrer un camiño incerto, descoñecido, difícil, onde haberá que superar as resistencias e prexuízos inevitables en todos os procesos de mudanza e converxencia. Considerar o común como un espazo dinámico de encontro e contar coa responsabilidade dos partidos, mareas e os seus liderados emblemáticos na facilitación dos acordos son condicións imprescindibles para acadar esta candidadura galega pola unión. En Conxo compartimos onte momentos de gran esperanza que moi poucas veces viviramos. Ábrese unha oportunidade que debemos aproveitar.

Onte 1418: Encontros cívicos

OY4Wk-mN_400x400Nesta fin de semana celébranse dous encontros cívicos que poden ser esenciais para acadar unha candidatura de unidade galega para as eleccións Xerais que sexa capaz de constituír un grupo parlamentario de seu. O Encontro Cidadán por unha Marea Galega e o Banquete de Conxo 2.0 comparten o chamamento á unidade de acción e o inequívoco protagonismo cidadá, así como a necesidade de apoio posterior de todos os partidos sen exclusións previas. Como salientaron os promotores do Banquete de Conxo 2.0 o traballo desta fin de semana ten por obxectivo fundamental poñer as bases para «a construción dun movemento cívico de sensibilidades plurais que teña como fin inmediato elaborar unha candidatura que logre que os intereses da inmensa maioría da sociedade galega estean representados nas próximas Cortes do Estado». Esta é, pois, unha fin de semana decisiva para abrir un proceso de unidade cívica ampla e plural dirixida a alentar a construción dun novo suxeito político capaz de conformarse como alternativa á inanidade conformista que goberna un país que se vai esmiuzando. Galicia precisa abrir unha xanela para enxergar un tempo de relevancia, para percorrer novos vieiros e contar con pés para camiñalos. Paga a pena intentalo.