Artigos

Poema de hoxe 43: Avelino Cachafeiro, «Rosalía abriu a fiestra»

Voando_small-192x300Rosalía abriu a fiestra,

bícana os raios do sol

Avelino Cachafeiro Bugallo, Voando cas aas da vida (1969)

O gaiteiro de Soutelo

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro a figura do gaiteiro de Soutelo.

Hai días un familiar puxo nas miñas mans un exemplar de “Voando cas aas da vida” do que é autor Avelino Cachafeiro Bugallo, o gaiteiro de Soutelo de Montes. Un libriño de poemas descoñecido para min que confeso moito me sorprendeu e levou a interesarme pola figura deste gaiteiro mítico. Editado polo propio autor  no mes de xuño de 1969 no prelo que Faro de Vigo tiña na rúa Colón, o libro de Cachafeiro hoxe é unha pequena alfaia, onde brillan o deseño da cuberta de Lugrís, os textos preliminares de Castelao e Ramón Otero Pedrayo e, sobre todo, as corenta páxinas dos versos galegos cantareiros e testemuñais de quen foi considerado o mellor gaiteiro de Galicia da primeira metade do século XX.

Nacido o 26 de maio de 1899 en Soutelo de Montes, en berce de familia gaiteira, Avelino formou
parte dos Gaiteiros de Soutelo, grupo no que tocaban tamén os seus irmáns Castor (gaita) e Bautista (voz e caixa), o seu pai Fermín (bombo) e a súa tía Andrea que nalgunhas ocasións os acompañaba ao pandeiro, o que constituía daquela unha gran novidade. Aprendiz de ferreiro, aprendeu de moi novo o instrumento co seu pai e co seu avó Xoán, converténdose axiña nun virtuoso, ao tempo que no líder, director e compositor das pezas que interpretaba a formación familiar. A sona do cuarteto na provincia transformouse en lenda na Galicia toda, tras gañar o tradicional concurso de gaitas de Santiago, celebrado na praza da Quintana e dotado con 150 pesetas, unha cantidade importante, que supoñería para Avelino ser nomeado como “mellor gaiteiro de Galicia”. Proeza inmortalizada con moito xenio por Castelao, que asistiu ao recibimento na casa familiar, xa que naqueles días veraneaba en Soutelo, nun artigo emocionante e nunha caricatura memorable, na que aparece o rostro invertido de Rosalía no fol da súa gaita, publicados o 10 de agosto de 1924 no xornal “Galicia” de Vigo. Foi daquela cando se acuñaron cantigas que permaneceron para sempre na memoria popular: “Toca gaiteiriño, toca, / meniñas, correi a velo / que moita gaita a gaitiña / do gaiteiro de Soutelo”.

Nun vello Ford o cuarteto percorrerá os camiños das verbenas e romaxes de Galicia enteira. En 1928 gravarán na casa Regal de Ourense seis discos, por ventura recuperados en 2005 pola editorial Ouvirmos na súa colección “A tiracolo”, que nos permiten gozar hoxe de doce das súas pezas, as muiñeiras de Chantada, “La Alfonsina”, “Estroupele-troupele” e “Farruquiña, chaman á porta”; as foliadas de Barro de Arén,  de Luxán, de Tenorio, das Rías Baixas e “Eicho de dar queridiña”; o fandango de Pontevedra; o pasarrúas “A volta da festa” e a alborada esperanzosa de Rosalía de Castro, a peza musical máis emblemática do sequiscentenario da publicación de “Cantares gallegos”.

Mais será a súa xira americana de case dous anos por Arxentina, Uruguai e Brasil, iniciada coa súa actuación no Teatro Avenida de Buenos Aires o 28 de febreiro de 1930, cando Os Gaiteiros de Soutelo se convertan nun emblema para a Galicia emigrante, como escribiu Pedrayo, por que “os galegos do Prata se sentiron namentres o gaiteiro estivo con iles libertados do desterro”. O levantamento militar do 36 colleunos en Barcelona e por diversas circunstancias persoais e políticas a formación esfarelouse durante aqueles días. Dende entón a gaita de Avelino permaneceu muda, nunca máis tocou en público e apenas hai referencias que o fixese en privado. Naceu así a lenda do gaiteiro calado, tamén en palabras de Otero, “a do home calado, como cala unha serra no seu hourizonte, esquencida da voce das augas, dos paxaros e os ventos”.

Até o seu pasamento o 13 de abril de 1972, durante tres décadas Avelino Cachafeiro foi un emprendedor en Soutelo. Abriu o Changüí, primeiro unha sala de festas, logo cine e despois bar onde paraban os coches de liña. Levou a bomba de gasolina de Campsa e mesmo unha funeraria. Home moi popular e benquerido, dedicouse, ademais, á pintura e á poesía, que recolleu no libro que hoxe rescatamos, publicado uns poucos anos antes do seu pasamento. Nestes “ramos de versos sinxelos e votivos” deixou o  gaiteiro de Soutelo a súa homenaxe ás paisaxes para el máis queridas, as das Terras de Montes e das Rías Baixas, homenaxeou a Rosalía, Castelao e Otero Pedrayo, e deixou o seu testamento literario: “Cando saibas que morrín, / gaitiña miña gaitiña, / desperta a miña alborada / que toco para Rosalía… / que dorme no teu punteiro / cos meus dedos tapadiña”. Foron as de Cachafeiro, como salientou Otero Pedrayo,  “palabras dornas para danzar muiñeiras de aventura nas ondas”, “verbas manexadas polo home abranguido nos silencios da Galiza”. O gaiteiro Carlos Núñez definiuno como “o máis grande de todos nós.”, “o gaiteiro ponte entre a perdida gaita galega e a moderna gaita refinada”. O gaiteiro de Soutelo merece a nosa admiración e lembranza.