Artigos

Onte 505: Gabanza de Antón Reixa

A figura de Antón Reixa é imprescindible para comprender as mudanzas que se produciron na cultura e na sociedade galega das últimas décadas. Desque vai facer corenta anos entrou no Instituto Santa Irene de Vigo, onde impartía clases Xosé Luís Méndez Ferrín, a cabeciña de Reixa non deixou de parir iniciativas, textos e proxectos que funcionaron coma alicientes, coma revulsivos da modernización dunha cultura até entón ancorada na resistencia antifranquista.

Foi xa daquela, sendo alumno de COU, cando Reixa asinou a súa colaboración nunha publicación literaria do instituto baixo a lenda de “profesión: escritor”. Non foi pedantería ningunha dun arrichado rapaz de dezasete anos. Non. Foi apenas afirmación da súa condición radical de poeta, do seu ADN de creador literario, da súa vontade de escrita, unha actividade que nunca abandonou ao longo de catro décadas de fecundísima creatividade nos que dedicou o seu pulo aos diversos eidos da comunicación e da creación cultural, dende o rock and roll á videocreación, dende a performance ao teatro, dende a radio á televisión e ao cinema. Reixa é un creador polifacético, que non deixou de explorar as posibilidades de todas as linguaxes, dende a textual á actual hipertextual, sempre con atención especial as icónicas e audiovisuais que conforman as artes do século XX.

En todos eses ámbitos Reixa foi pioneiro. Antón é un dos nosos precursores. Foino no eido poético formando parte do colectivo Rompente, participando nas súas primeiras intervención no ano 1976 coas Follas de Resistencia Poética, o que para algúns críticos supuxo a ruptura poética galega, a creba máis profunda dende Manuel Antonio. Foino, despois, no musical, a partir de 1983, sendo xa profesor de lingua galega no seu Santa Irene, creando os Resentidos, unha banda viguesa de rock and roll, que fixo de Vigo capital Lisboa cando facía un sol de carallo, que gravou os primeiros vídeoclipss con “Salvamento e socorrismo”, ou cando máis tarde a banda reconvertiuse en Nación Reixa. Foino outrosí, dacabalo entre os oitenta e os noventa, co vídeo de autor, dende Ringo Rango á creación da produtora Vídeo Esquimal. Foino cos primeiros espectáculos teatrais co grupo Artello, como Gulliver FM, After Shave ou Dóberman. Foino co seu debut na televisión galega con aquel memorable programa Galicia, sitio distinto, pasando polo seu Bule, bule radiofónico, até as míticas Mareas vivas de Portozás e o seu debut como director cinematográfico d’ O lapis do carpinteiro. Foino co seu oficio máis recente de produtor do exitoso musical Galicia Canibal ou coa súa afouteza como xestor cultural na condición de presidente da Sociedad General de Autores. Insisto, en todos e cada un destes proxectos, en todas en cada un destas actividades Reixa logrou abrir novos camiños para a cultura galega en diálogo aberto coa sociedade do espectáculo e coas olladas e expresións creativas máis esixentes e rupturistas. O humor, a ironía, a vontade inequívoca de intervención social e política, a creación espida, concibida como forma de coñecemento, a idea de Galicia e da súa lingua coma eixo e trabe de toda a súa produción foron os materiais e as ferramentas utilizadas por este forxador incansable da fantasía posible dunha cultura galega de seu e do seu tempo.

Como sinalan Manuel Xestoso e Xosé Cid Cabido, autores do libro de conversas que publicamos hai uns meses en Xerais, Antón sempre foi un ghicho distinto. Un ghichiño, como dicimos os de Vigo, que asumíu a perplexidade como forma de coñecer o mundo, como el mesmo recoñeceu nunha recente intervención en Librouro. Un home da industria cultural galega que enxerga, a pesar das dificultades e do tránsito entre paradigmas da comunicación cultural, o futuro con doses elevadísimas de entusiasmo, imaxinación e resistencia. Un poeta, un profesor, un músico, un actor, un director, un produtor, un xestor cultural, un home de letras e números que merece todas as nosas beizóns e gratitude pola proeza do seu desempeño durante catro décadas. Beizóns!

Texto que lin como laudatio na entrega a Antón Reixa do premio Internacional Ateneo de Ourense 2013 ao fomento da cultura, que o creador vigués compartíu co Festival de cine de Cans.