Listado de la etiqueta: andrea_schleicher

Onte 1794: Probas PISA e educación por ránkings

Ciencias_Pisa_2015

É unha boa noticia que os estudantes galegos de 15 anos mellorasen os seus resultados nas probas PISA de 2015, realizadas con anterioridade á implantación da LOMCE. En Lectura pasaron de 499 puntos en 2012 a 509, en Matemáticas de 489 a 494 e en ciencias mantiveron os 512 de 2012. Uns resultados que, grazas á caída das puntuacións do conxunto de países da OCDE, permiten a Galicia situarse nos tres ámbitos por riba destas medias internacionais, ademais de asumir posicións destacadas con respecto a outras Comunidades Autónomas, mesmo de maior nivel de renda, como é o caso de Euskadi. Uns resultados atribuibles, sen dúbida, ao esforzo do profesorado e ao éxito dalgúns programas educativos como a «Hora de ler» ou «Bibliotecas escolares», que de forma transversal contribúen ao desenvolvemento das competencias de comunicación lingüística.

PISA_2015_Lectura

Porén, non son todas boas noticias en PISA 2015, xa que a taxa de repetición de 15 anos continúa sendo en todo o estado moi elevada, vinte puntos por riba da media europea (non atopamos datos de Galicia), estando vinculada a cuestións socioeconómicas máis ca o rendimento do alumnado, o que afecta de forma negativa ao principio de equidade.

Tras os datos de cada un dos informes PISA consolídase un modelo onde a calidade dos sistemas educativos se mide polos ránkings de estados e comunidades nestas probas. Xerarquías confeccionadas a partir dos resultados obtidos polos seus alumnados nuns exames pagados por cada unha das administracións educativas e preparados (redactados, correxidos, e analizados) por Pearson, a primeira multinacional educativa do mundo.

Como xa apuntamos nunha anotación hai dous anos, PISA podería convertirse no árbitro global da educación no mundo. Como alertou nun artigo en The Guardian Andreas Schleicher, as probas de Pisa están promovendo «un modelo que pode matar o pracer de aprender», capaz de moldear as políticas educativas do mundo, imposto sen debate ningún sobre as necesidades ou as limitacións das metas educativas sinaladas pola OCDE. «Medir unha gran diversidade de tradicións educativas e culturais utilizando unha medida única, limitada, prexuizada, podería causar un dano irreparable ás nosas escolas e estudantes», sinalou o que é actual director de Educación da OCDE.

Un modelo educativo forxado por PISA, baseado na avaliación e no adestramento para superar exames externos, que está na cerna da LOMCE, sexa polas súas probas diagnósticas e reválidas (teñan ou non valor académico) como pola fixación dos estándares de aprendizaxe detallados por cursos, materias e competencias básicas. Un modelo eficientista que vai inoculando devagariño doses de estrés nos centros, no profesorado e no propio alumnado. E, como sinala Julio Carabaña, autor de La inutilidad de PISA para las escuelas, «esta dinámica supón un risco real de transformar o desexo de aprender no afán de aprobar».

Celebremos, pois, a mellora dos resultados galegos en PISA, mais non perdamos nin a perspectiva do que pode supoñer este modelo de avaliación nin de relativizar a súa importancia (desmesurada). Como non podemos perder azos para continuar traballando por un sistema educativo capaz de reducir as desigualdades de resultados do seu alumnado e o seu nivel de fracaso («abandono temperán»). No afán pola equidade e a inclusividade están algúns dos retos da escola galega do futuro.

Onte 967: PISA, críticas de expertos internacionais

AIDS epidemic in ChinaPublicouse onte en The Guardian un importante artigo, escrito en forma de carta aberta a Andrea Schleicher, coordinador do programa PISA, na que oitenta e seis profesores de facultades de Educación de universidades dos Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Australia, Nova Zelandia e países nórdicos, denuncian as consecuencias negativas provocadas polos rankings de PISA nos sistemas educativos de máis de sesenta países da OCDE, crítican os contidos e a xestión das probas e exixen a súa paralización para o próximo trienio. Un texto moi crítico e contundente que moito chama a atención no entorno do noso sistema educativo onde as probas PISA se valoran case como infalibles, síntomas dos déficits do sistema e xustificación das principais mudanzas da LOMCE e dos recortes na educación pública do goberno Rajoy, a introdución de reválidas e probas externas e a centralización do currículum das administracións educativas.

Os expertos denuncian que PISA se convertiu no árbitro global da educación no mundo, «un modelo que pode matar o pracer de aprender», capaz de moldear as políticas educativas do mundo, imposto sen debate ningún sobre as necesidades ou as limitacións das metas educativas sinaladas pola OCDE. «Medir unha gran diversidade de tradicións educativas e culturais utilizando unha medida única, limitada, prexuizada, podería causar un dano irreparable ás nosas escolas e estudantes». A seguir, denuncian como principais consecuencias negativas provocadas por PISA unha perigosa homoxeinización e empobrecemento dos currículums; un curtopracismo das accións educativas, que abandoan os aspectos non medibles como o desenvolvemento físico, moral, cívico e artístico do estudantado; ademais dun «estreitamento da imaxinación colectiva respecto ao que é a educación e ao que debe ser».

Estes expertos en Educación críticos con PISA propoñen reconsiderar o modelo actual, contando coa participación das comunidades educativas e das organizacións educativas internacionais. Exixen que se coñezan os custes directos e indirectos da xestión das probas, de xeito que os contribuíntes dos países membros poidan procurar usos alternativos aos cartos gastados nelas e decidir se queren continuar participando nelas. Así mesmo, expresan a necesidade de coñecer se existen conflitos de intereses entre as empresas privadas que preparan, executan as probas e xestionan os seus resultados. Por último propoñen que se adíe o próximo ciclo de PISA coa intención que contar con tempo abondo para fixar un novo modelo mellorado das probas.

PISA centra o debate e as preocupacións educativa de moitos países. É inevitable abrilo tamén no noso.