Listado de la etiqueta: albacete

Campo do Fragoso XCVII

HERRERA ACERTOU

Despois de cinco xornadas consecutivas sen gañar, o Celta despexou calquera tipo de dúbidas da bancada e dos rivais obtendo unha clara e merecida vitoria fronte o Albacete, un equipo que até agora nunca saíra vencido nas súas visitas a Balaídos. Semella que por un descoñecido fado os fortes ventos deste novembro das borrascas non lle foran propicios ao conxunto de Herrera que sen perder a calidade no seu xogo, comezaba, porén, a correr o perigo de quedar curtado desa tan difícil competencia polos dous postos de ascenso directo, as únicas posicións nas que os seareiros situamos as súas angueiras. Onte, abofé, que traballaron arreo e non decepcionaron. Como é adoito, a saída celeste foi electrizante. Aos dous minutos, xa estaban por diante grazas a un magnífico roubo de balón de Murillo que permitiu a David, tras un caneo seco, superar ao seu marcador e cruzar un xute que batía ao gardarredes manchego. O gol temperán do noso pichichi, que levaba seis xornadas sen mollar, deulle azos ao Celta. Durante trinta e cinco minutos amosouse moi superior a un rival que durante ese tempo apenas chegou nunha ocasión; os célticos, pola contra, fabricaron unha decena de ocasións que, mágoa, non foron recompensadas polo froito devecido do gol. O Celta, ben colocado, ben dirixido dende o centro da defensa por Jonathan Vila e Catalá, presionaba con intensidade solidaria no medio campo do rival, provocando en cada anticipación de Bustos ou Murillo que os dianteiros elaborasen chegadas con moita pementa. Así chegou a súa serie habitual de goles cantados: un globo de De Lucas e outro seu xutazo que non entrou por centímetros, como esoutros pexegazos de Álex que Keylor despexou a puñadas. Eis, o grande acerto deste Celta capaz de provocar nas primeiras medias horas unha auténtica ventoleira de oportunidades. Eis, tamén, o seu maior problema, a súa incapacidade para ampliar o marcador con claridade durante ese período de fortaleza, o que sempre o leva a meterse en dificultades moi serias. Onte chegaron da man do colexiado balear que no minuto 38 asubiou un penalti existente só no maxín do seu despistado xuíz de liña. Abengozar transformouno con dificultades (Falcón estivo a piques de deterllo) e celebrouno con insólita e antideportiva chulería, o que provocou a indignación da bancada e, o que foi peor, desconcentrou aos de Herrera abatidos por semellante inxustiza. Tras a reanudación, semellaba que se ía repetir o guión do partido do Betis, xa que o Albacete comezaba a perderlle totalmente o respecto aos nosos que comezaron, tamén, a dar mostras de febleza defensiva. Aí estivo a clave do partido. Herrera fixo tres trocos ne nove minutos, modificando o debuxo táctico. Colocou tres centrais na defensa, subiu a Álex López ao mediopivote e abriu a dianteira polos extremos coa entrada no lameira de Aspas e Abalo. En vinte e cinco minutos o Celta deulle a volta ao carpín con facilidade. Así chegaron dous goles extraordinarios, primeiro o de Joan Tomas tras un centro de David; logo, unha obra de arte fabricada polos caneos de Aspas que soubo centrar no momento oportuno para que Trashorras golease de cabeza. Non hai dúbida que Paco Herrera acertou, os seus trocos foron o bálsamo que precisaba un equipo cando estaba máis dolorido. Parabéns para o míster.

Campo do Fragoso LXXV

UN EQUIPO CONXELADO

No frío serán do pasado sábado o Celta volveunos dar outro desgusto tremendo. Fronte a un Albacete inofensivo, que non disparou a portaría nin nunha soa ocasión, o equipo demostrou que hogano é incapaz de gañar un partido e superar a situación de parálise emocional na que entrou de forma súbita hai dous meses, cando estivo a piques de engancharse na loita polo liderado. Tras unha primeira parte horrible, na que apenas foi un fantasma errante que deambulaba desconcertado sobre a lameira, o Celta recuperou a figura e a dignidade na segunda, mais foi igualmente incapaz, mesmo xogando en clara superioridade, de levar o encontro. Sorprendeunos moito que Eusebio non introducise no equipo inicial a Ariel Rosada, hoxe a peza imprescindible para manter, canto menos, a aparencia de equipo. Como tamén nos doe recoñecer que a presenza do noso admirado Oubiña (aínda en pésimo estado de forma) sobre o terreo contribuíu a desencaixar  a todo o equipo, pola súa incapacidade para conducilo e para manter os tempos de recuperación e ataque. Outrosí sucedeu co lentísimo Renan, outra sombra perdida en terra de ningures.  Con estas dúas pezas esenciais avaríadas, non é extraño que o terceiro mediocampista, o pouco constante Trashorras, aproveitase para asumir só as responsabilidades do balón parado (faltas e saques de recanto), onde é o noso gran especialista. Fronte a semellante desfeita dos medios é doado comprender que os tres dianteiros tampouco funcionasen, máis aínda cando David Rodríguez traballou durante boa parte do encontro na banda equivocada (outro erro de Eusebio),Óscar Díaz agachaba a responsabilidade de arriscar e o moi sobrevalorado Dinei (outro nunha baixa forma escandalosa) nunca estaba no lugar oportuno cando debía rematar. Sen medio do campo que funcionase, os centrais, Rubén e Jordi, pateaban as pelotas coma se fosen zagueiros de rugbi, mentres aos dous laterais, Edu Moya e Fajardo (os compoñentes máis frouxos do conxunto) abondáballes con non ser superados nalgún infrecuente contraataque manchego. Apenas o entusiasmo e a intensidade de Rosada, que entrou tras o descanso en substitución de Borja, e a seriedade habitual do porteiro Notario se salvaron doutro novo naufraxio do colectivo. A expulsión, ao comezo da segunda parte, de Kitoko (o mellor xogador vermello, que mandaba no centro do campo), semellaba que facilitaría as posibilidades de marcar dos nosos. A superioridade numérica facilitou o control da pelota e o seu envío descontrolado sobre a área, mais non se traduciu en aumento das oportunidades reais de gol. Apenas podemos contar un remate de David, un tiro libre que o mestre Trashorras enviou con enorme precisión á escuadra e ao rexeite posterior que Michu enviou ao longueiro.  Nesas dúas oportunidades estragadas nos minutos finais estivo a clave do empate e quen sabe se o futuro do noso equipo. As formas elegantes de Eusebio non dan froitos. Este Celta é un equipo conxelado na súa impotencia.