Onte 1864: O retroceso da edición en galego
O novo retroceso do número de títulos editados en galego en 2016 é tan agardado como explicable. O remate da implantación dos libros de texto da LOMCE en 2º e 4º de ESO e 2º de BAC, así como a rebaixa da produción do libro electrónico, xustificada pola merma do entusiasmo polo formato epub, explican estes novos datos catastróficos. Factores que continuarán afectando ao longo deste 2017 e que, moito me temo, agoiran un retroceso histórico para a estatística do ISBN en lingua galega deste ano, que acadaría o seu peor resultado nas dúas últimas décadas. Non teño dúbida de que este é un problema específico do sector do libro galego (a edición no resto das linguas oficiais medrou e mesmo lixeiramente a edición en Galicia no seu conxunto), feito ao que non é alleo a súa dependencia do subsector do libro de texto, que vén achegando arredor do 40% da súa facturación e o 20% do seu número de títulos, mais cuxo peso, por moi diversas razóns, diminuirá nos próximos exercicios.
No eido da edición literaria e infantil, o que podemos chamar a edición cultural, o sector mantén as súas cifras, a pesar de que vive totalmente a intemperie, por utilizar un eufemismo, ao abeiro dos avatares do mercado e da competencia coa edición española. As cifras falan por si soas: en 2017 o sector do libro galego contará apenas con 200.000 euros da Consellaría de Cultura para dotar de novidades en galego as bibliotecas municipais. Cifra que supón apenas o 1% da facturación anual do sector (arredor de 20 millóns de euros) e, con respeto a idéntica partida de hai dez anos, un recorte do 84 %.
Porcentaxes inauditas en calquera outro sector económico considerado estratéxico (como establece a vixente Lei do Libro e da Lectura de 2006) que expresan unha evidencia: para os diversos gobernos de Alberto Núñez Feijoo o sector do libro en galego é pouco máis que un bonsai ornamental para exhibir en acontecementos como a Feira do Libro de Buenos Aires e para citar en efemérides rituais como o 17 de maio. Picada o que estes gobernos consideraron «burbulla editorial», aos editores se nos ofrece periodicamente o engado da redacción dese plan da cultura galega (cuxo obxectivo sería abordar tamén as feblezas do noso sector), que aparece e desaparece dende hai anos dos discursos dos responsables culturais do goberno.
Xaora, os teimosos editores galegos continuamos editando tanto como permiten os recursos do noso cativo mercado, intentando facelo o máis atractivo e visible posible. Confeso que en case tres décadas de profesión nunca coñecín un activismo literario tan intenso e estenso como o actual, protagonizado tanto polos autores e autoras como polas editoras e librarías en centos e centos de presentacións, lecturas, asinaturas e referencias nas redes sociais. Un activismo de resistencia que tamén conta e que non aparece nas estatísticas do ISBN. Ampliar a comunidade de lectoras e lectores en galego continúa sendo unha das prioridades do sector, como a da reclamar de todos os poderes públicos que non eludan a súa responsabilidade sobre as políticas de lectura e fomento da lingua galega.