Listado de la etiqueta: a_vitoria_do_perdedor

Onte 1339: San Clemente 20

San_Clemente_28-05-2015

Asistimos onte ao acto de entrega da vixésima edición dos San Clemente, un dos premios de novela publicada máis singulares e aprezados dos outorgados no país. O feito de ser ditaminados por lectores e lectoras de 2º de Bacharelato de cinco centros públicos galegos, e polo tanto formados como lectorado literario, e o de contar con tres modalidades (galega, española e traducida), permite un diálogo entre os lectores e lectoras e os autores (moitos máis ca autoras) do noso tempo.

No acto de onte, no que foron premiados Carlos Reigosa, Juan Gabriel Vásquez e Jöel Dicker, unha das rapazas integrantes do xurado confesou que «os mozos consuminos hoxe máis ficción ca nunca» e reivindicou a lectura por riba dos xéneros e soportes. Resumiu así o que foi o espirito dun serán de exaltación do valor da lectura e da arte literaria. Gañadores e membros do xurado reclamaron «a literatura como parte central da experiencia«, en afortunada expresión do autor de Las reputaciones, e defenderon «a lectura como unha forma de estar no mundo e comezar a comprendelo.» Como tamén insistiron «no valor da lectura de ficción na saúde das nosas democracias, tanto por permitir máis tolerancia como por facilitar a comprensión do outro.» Reigosa, o autor d’ A vitoria do perdedor, reiterou a importancia de «recuperar na ficción a memoria de onde vimos, xa que é imposible entender a nosa realidade se non temos unha idea central do noso pasado.» Mentres que o xove novelista suízo, autor da aclamadísima La verdad sobre el caso Harry Quebert, convidou aos estudantes que ateigaban o salón a «insistir unha e outra vez nos seus soños», quizais por que «a novela é sempre un camiño intenso polas vidas alleas e a literatura unha arte para que a xente se sinta máis real por medio das palabras», como sinalou Vásquez, glosando ao seu xeito aquela frase célebra de Faulkner «o pasado non está morto, nin sequera é pasado.»

En apenas dúas semanas a impresionante nómina de gañadores do San Clemente incrementarase co ditame das obras publicadas en 2014, Xaora, na vindeira edición, como sinalou Ubaldo Rueda, director do Instituto Rosalía de Castro e alma mater dos premios, se incorporarán ao xurado centros de secundaaria de Bretaña, Portugal, Alemaña e Reino Unido. Estes San Clemente, que dialogan co Goncourt des Lycéens, son unha feliz aposta pola lectura literaria e os soños imposibles. Merecen as nosas beizóns e apoio.

Onte 575: Fuxidos e guerrilleiros

O Club Faro de Vigo convidoume a presentar ao escritor Carlos Reigosa que pronunciou unha interesantísima conferencia sobre escapados e guerrileiros galegos no período de 1936 a 1950. Ao longo de case unha hora, o autor d’ A vitoria do perdedor, desmontou algún dos prexuízos arredor dunha historia, para el, «mal ou contraditoriamente contada». Distinguiu tres fases nestes relato.

A primeira, do 36 ao 39, na que houbo milleiros de fuxidos, que foron reitegrándose de forma moi difícil e con moitos perigos. «Durante este período o correcto é falar de fuxidos da rebelión militar que triunfou. Falar de guerrillas aínda é prematuro, a pesar de que en xaneiro de 1938 na Coruña se formase un grupo de dezaoito persoas, gobernaod por José Neira e Gardarríos».

A segunda, do 39 ao 1945, coincidindo co desenvolvemento da Segunda Guerra Mundial, na que se formaron tres agrupacións do Corpo das Guerrillas León-Galicia, a primeira no Bierzo, a segunda en Ourense e a terceira en Lugo. Reigosa detívose a relatar a importancia de figuras como Víctor García, que regresou a Pontevedra en 1941 coa intención da reconstrución interna do Partido Comunista, «nun momento no que era posible que caise Alemaña, amosando que era posible unha resistencia en España». «Nos anos 43 e 44 había unha persecución menos intensa. Os guerrilleiros eran máis políticos».

Detívose o autor de Intramundi en expilcar o sucedido cando rematou a Guerra Mundial, o que abriu a terceira etapa do proceso. «Houbo unha reacción distinta nas forzas políticas. Anarquistas e socialistas crían que debía forzarse o cambio dende fóra. Os comunistas pola contra que debía facerse dende o interior. Foi cando as guerrilas chegaron a tomar concellos como os de Vimianzo ou Moeche, coa intención de transmitir a existencia dun conflito militar». «Seoane e Gayoso regresaron a Galicia para facerse cargo do Partido Comunista. Trouxeron a orde de eliminar a Víctor García. No ano 46 puxeron en marcha na Coruña accións que tiveron un éxito continuado, crearon unidades militares, mais non se produciu o levantamento popular que agardaban». «Esta intensificación da loita guerrilleira coincidiu cun momento (finais de 1947 e comezos de 1948) no que a Garda Civil pasou a unha belixerancia total. Esa partida foi perdida polos mandos guerrilleiros que viñeran de fóra. Así naceu a parte máis triste e peor contada deste proceso, a progresiva desaparición, a partir de 1949, das agrupacións guerilleiras». «Quedou xente polo monte que desenvolveu un comportamento de sobrevivencia». Tras relatar con detalle as historias do Piloto e de Mario de Langullo, rematou Reigosa afirmando que «foi esta a historia dunha traxedia que comezou tendo moito sentido e acabou sen sentido ningún».

Onte 553: Reigosa en Ourense

Acompañamos a Carlos Reigosa en Ourense na súa participación no Foro La Región onde conversou co profesor Chema Paz Gago sobre A vitoria do perdedor. Comezou o profesor da Universidade da Coruña preguntándolle a Reigosa sobre se na súa escrita dominaba máis o xornalismo ou a literatura. «O xornalismo foi unha beizón para min porque tiven a oportunidade de contar cousas e de entrevistar a persoas que me interesaban», contestou, para proseguir citando unha frase de Hemingway, «o xornalismo é a mellor profesión do mundo, sempre que se abandone a tempo». «En trinta e sete anos de profesión intentei aproveitar o tempo, defendendo como puiden a pulsión literaria».

Preguntado sobre a súa relación cos personaxes de Nivardo Castro e Carlos Conde, protagonistas da súa serie do xénero negro, Reigosa confesou que con eles se sentía cómodo «xa que me permiten ser “abrelatas” para abordar un tema, sexa o narcotráfico ou a corrupción». «Non acredito, sen embargo, na definición do xénero, son novelas de intrigas, pero non negras». Porén, asegurou que nos seus libros de investigación sobre os maquis pretendeu «facer unhas minibiografías de cada un dos personaxes, o máis fidedignas e documentais posibles». «Nesta novela [A vitoria do perdedor] o personaxe principal é de ficción, mais todo o contexto histórico é completamente real». Abordou despois a cuestión sobre a clase de historia desta novela: «Quixen contar como os procesos de violencia non son controlables. Non a escribiría nunca se non tivese unha gran preocupación pola violencia. Busquei un personaxe que tivese apenas dúas opcións: marcharse ou converterse nun vingador. Esa é a grande dúbida que paira sobre toda a obra. Non hai dúbida que a violencia para o meu personaxe é unha espiral dramática que afectou a toda a súa vida».

Rematou a conversa, na que se abordou tamén a cuestión do ingrediente amoroso e erótico da novela («o erotismo é unha cuestión marxinal sobre o que quería contar»), anunciando Reigosa a súa intención de publicar o seu primeiro libro de poemas antes de fin deste ano, para o que baralla tres posibles títulos Kid salvaxe, Nunca deixarei de ser o que non son e A vida non é lugar para estar morto.

Onte 550: «A vitoria do perdedor», a nova novela de Carlos Reigosa

Coa roda de prensa do mediodía de onte no Consello da Cultura Galega, iniciamos a xeira de presentacións d’ A vitoria do perdedor, a nova novela de Carlos Reigosa. O autor de Intramundi comezou advertindo que «na presentación dunha obra o que pode facer o escritor é dicir o que quixo facer». «Hai vinte anos inventei esta historia sobre como a violencia desfai ás persoas, e como detrás dela chega a vinganza, e como cando as mans xa están machadas de sangue é imposible volver atrás sobre os ideais iniciais». «Dinme conta que o mellor tempo para ubicar esta historia estaba entre os anos 49 e 50, na posguerra». Despois, Reigosa inseriu ao seu protagonista neste contexto histórico. «Arcadio Macías, un home que traballou como camareiro en Lugo e cando viaxou a Barcelona entrou en contacto cos ideais anarcosindicalistas, cando prepara a súa fuxida de España en 1949, comeza a coñecer cousas terribles que sucederon naquela bisbarra. A súa reacción é a da vinganza. Iso é o que o move». «Na novela quixen facer unha reflexión, unha ilustración, un ensaio sobre como os vieiros da violencia, cando se perde a inocencia, teñen unha dimensión diabólica. A pesada carga que leva Arcadio, convírteo nun vingador irreprochable».

Preguntado polas xornalistas sobre a relación da novela cos seus libros de investigación sobre o maquis, Reigosa confesou que «para escribir esta novela aforreime toda a documentación. Fun feliz. Todo o tiña documentado nos meus traballos de investigacións sobre a guerrilla. Todo o que hai na novela ten un transfondo real. É unha novela histórica xa que todo o contexto é real, aínda que os personaxes son de ficción. Detrás de cada un deles hai un personaxe real. Máis aínda. O final da novela parte dunha conversa con Marcelino Fernández Villanueva «O Gafas», xefe da Federación Guerrilleira León Galicia. Era un home frío, organizador, capaz de manter o equilibrio na súa agrupación entre comunistas, anarquistas e galeguistas. Contou que cando en 1948 tiñan preparada a fuga de 28 persoas, dende o porto de Luanco, soubo que a poucos quilómetros estaba o responsable de moitas das mortes da represión». Despois comentou que «tamén son reis os dous agochos que aparecen na novela. Un contoumo o «Ladrillo de Betanzos», o outro vino nunha casa de Mugardos, unha escaleira que s emovía e daba acceso ao zulo».

Outra das preguntas das xornalistas foi sobre o contexto político da novela. Para Reigosa «a reflexión é a do personaxe. A novela non está escrita en primeira persoa, mais hai un home que é a primeira persoa. Imos contanto todo, o que foi a súa vida. En ningún momento quixen que os lectores pensasen que “Reigosa fixo unha película de Sam Peckipah”. Quixen facer unha historia na que un labrador pode chegar a ser un vingador dos compañeiros mortos, renunciando a súa vida. Iso é máis poderoso ca propia historia política». Referíuse despois aos perdedores: «España ten uns perdedores de seu. Quevedo morre enormemente triste. Tamén Lope de Vega. Na Guerra Civil os finais de Azaña e Martínez Barrio son enormemente tristes. España foi un pais que se equivocou no máis importante, a convivencia». Rematou Carlos Reigosa facendo unha reflexión sobre o seu intento de expresar na novela «como cada momento determina a visión de si mesmo e como non coincide co da historia. A crueldade que se produciu na guerrilla hai que xulgala coma un erro, dende a perspectiva de hoxe. Cando aquel esforzo enorme só produce dor, derrota, dende a perspectiva histórica foi un erro, mais non o foi para os que a protagonizaron».

A vitoria do perdedor será presentada o martes 12 na Coruña, o mércores 13 en Lugo, o xoves 14 en Ourense e o 5 de abril en Vigo.

Onte 510: Anunciando as novidades

Intensa tarde de presentación do programa de novidades para este primeiro semestre diante da nosa comercial. A pesar da inevitable redución do número de títulos, non podemos agochar a nosa ilusión pola diversidade e calidade desta xeira editorial. Nos próximos meses en Xerais Narrativa aparecerán novas novelas de Carlos Reigosa (A vitoria do perdedor), Hixinio Puentes (Winnipeg), Manuel Portas (Faneca brava) e Xabier Paz (As vidas de Nito). En Crónica Suso de Toro regresara aos andeis das librarías con Inmaterais e Valentina Formoso publicará Do estigma á estima, un ensaio sobre a lingua galega e o alumando da Educación Secundaria. A obra dedicada á celebración do Día das Letras Galegas será Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro de Roberto Pascual. Tamén celebraremos o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos coa edición do texto alboral de Rosalía de Castro preparada por Anxo Angueira, así como polo ensaio de Fernando Pereira sobre a iconografía rosaliana. María Reimóndez e Olga Castro publicarán o ensaio Feminismos e Anselmo López Carreira a súa Historia de Galicia, a primeira no catálogo de Xerais. En Fóra de Xogo, a colección xuvenil publicaremos senllas novelas de Ramón Caride (Endogamia 0.2) e Manuel Lourenzo (Flor de area). Tamén de carácter xuvenil é Amor de serea, a terceira entrega da serie Tintimán de Jaureguizar, e Reckless 2. Vida nas sombras de Cornelia Funke. Nas coleccións infantís terán novidades, entre outros,  Agustín Fernández (Desde unha estrela distante), Ánxela Gracian (As palabras do silencio), Xelís de Toro (O gato fantasma) e Antonio Garcia Teijeiro, antoloxía da súa poesía infantil (Un rato díxolle a lúa). Por último, tras cinco anos de edición, aparecerá Tastarabás. Enciclopedia dos brinquedos tradicionais de Antón Cortizas, unha obra monumental, máis dun milleiro de páxinas a cor, que recupera un dos eidos da nosa etnografía viva.