Ruth Matilda Anderson en Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á visita a Vigo que fixo hai noventa anos a fotógrafa Ruth Matilda Anderson.

Vigo_ruth_matilda

O 7 de agosto de 1924 dous pasaxeiros estadounidenses do “SS Rousillon” desembarcaron no porto de Vigo. Tras agardar a que os carabineiros inspeccionasen as caixas da súa equipaxe, Ruth Matilda Anderson e o seu pai Alfred Theodore comezaron na Laxe unha viaxe fotográfica por Galicia de trece meses de duración, coa intención de realizar unha gran reportaxe encargada pola Hispanic Society of America, o museo e a biblioteca onde Ruth traballaba como fotógrafa. Viaxe a Galicia que ela repetiría un ano despois, entón acompañada pola tamén fotógrafa Frances Spalding, para completar a colección de imaxes sobre a vida, os costumes, as paisaxes, os oficios, as festas, o traxe ou a música daquela Galicia que comezaba o seu proceso de modernización, retratada tamén por Ramón Otero Pedrayo en 1926 na súa “Guía de Galicia” e por fotógrafos como Pacheco ou Ksado.

Daquelas viaxes, ademais das máis de cinco mil fotografías e das súas anotacións correspondentes, un tesouro documental da Galicia de hai un século, conservado na institución novaiorquina, Ruth realizou un detallado relato no libro “Gallegan provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña” (The Spanic Society of America, 1939). Noventa anos despois, emociona ler a fermosa descrición que Ruth realiza da ría de Vigo e da cidade aquela tarde da súa entrada ao solpor entre as illas Cíes: “augas verdes nas que se debuxaban as xerfas, praias de area dourada”; “a ría é unha espada de bordo redondeado chantada sobre unha amálgama azul e lila”; “a cidade é un outeiro granítico coroado por unha fortaleza angulosa e pétrea” (O Castro e o seu baluarte); “multitude de casas de moi diversas cores chegaban de forma abrupta até a enseada (O Berbés), mentres ca máis adiante aparecen fachadas pétreas que conforman unha parede marítima moi sólida (O Areal e as Avenidas)”.

Como moito sorprende a narración daquelas xornadas viguesas da estraña parella de americanos, na que foron descubrindo unha cidade (daquela de apenas 50.000 habitantes) e unhas xentes e uns costumes ca pouco encaixaban cos modelos tradicionais dos murais de Soralla que coñeceran en Nova York. Ruth non esquece como cando desembarcaron dende A Laxe subiron pola rúa Carral camiño do Hotel Moderno, onde se hospedaron. “As pertenzas máis pesadas leváronas nun carro e as outras unhas mulleres na cabeza”. Axiña fotografou o edificio do novo teatro en construción e dende a galería do seu cuarto identificou os barcos fondeados na ría, o brillo do ovo do edificio Bonín, sentiu a calor que saía dos tellados daquela cidade con “rúas anchas, moitos soares, bloques de edificios novos, síntomas moi familiares de xuventude cívica e ambición”. Relata o primeiro xantar en Vigo, un auténtico menú de benvida, onde non faltaron os percebes (que lle pareceron semellantes ás patas de galiña), os camaróns, o caldo galego, a pescada frita acompañada de xudías verdes, os bistés de tenreira e para rematar “o xeado de nata servido en cunchiñas de prata, mazás, peras, queixo e café”. A fotógrafa confesa que despois de semellante larpeirada ela e o seu pai durmiran “unha sesta” (ben merecida).

gaiterosvigo-ruthmatildaanderson

Ruth e Theodore utilizaron moito o tranvía na súa visita viguesa, na que un estudante de Arqueoloxía de querenza galeguista serviulles de cicerone. Visitaron e fotografaron o paseo de Afonso, o Castro, a ribeira do Berbés, os pazos de Santo Tomé e de Castrelos e a igrexa románica de santa María de Castrelos. O mozo galeguista –para quen “a única esperanza de Galicia está no separatismo” e para quen “Vigo é unha cidade sen pasado, só ten futuro”– deulles noticias de Martín Códax, de quen Ruth traduciu ao inglés unha das súas cantigas. Foron a un concerto do Orfeón Queixumes dos pinos, Ruth quedou impresionada polo “aturuxo” (“un berro de grande valor para a mocidade galega”) e fotografou na Alameda a algúns dos seus integrantes cos traxes tradicionais. Particular importancia para a fotógrafa tivo a participación na Romaxe de San Roque, o día despois da festa do santo do can, descrita no libro con todo detalle, tanto no que atinxe as instalacións do pazo (daquela propiedade do Conde de Vilar de Fontes), ao rito da venda de cabazas e exvotos como a todo o referido á música tradicional, dende a descrición dos instrumentos ás formas musicais utilizadas. Días antes, a parella visitara Cangas e Baiona, para seguir despois o seu itinerario cara Tui, Santa Tegra e Mondariz.

E ademais, sabemos polas cartas que se conservan de Theodore, que en Ruth revelaba en Vigo as fotos no Consulado dos Estados Unidos, xa que “o señor Wilson, o noso cónsul, é un fotógrafo afeccionado, que fai el mesmo o positivado e as ampliacións e nos presta moi amablemente o seu cuarto escuro e o seu equipo para cando o necesitamos”. Non é pouco o que nos deixou Ruth Matilda Anderson.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *