Rescate do galego
No artigo da semana en Faro de Vigo xustifico a necesidade de artellar un plan de rescate para o galego, ao fío dos datos do ICE sobre coñecemento e uso do galego en 2013.
Os datos do IGE sobre coñecemento, uso habitual e inicial do galego en 2013 expresan a aceleración do proceso de substitución lingüística en Galicia. O galego sofre unha hemorraxia dos seus falantes habituais, que aínda son a metade da cidadanía, mentres que o número daquelas persoas que en Galicia falan sempre ou principalmente castelán avanza en todos os tramos de idade e espazos xeográficos, sendo xa esta lingua maioritaria en case todas as cidades e entre os menores de 29 anos.
Esta consolidación do monolingüismo castelán, fenómeno moi intenso nas tres cidades portuarias atlánticas, intensificouse dende 2008 un 17,50 % entre os menores de 15 anos, que utilizan o castelán nunha porcentaxe que supera o 75 %, cifra á que sen dúbida non foi allea a modificación da política lingüística educativa do goberno de Núñez Feijoo. Datos que agoiran un futuro dramático para o galego, situado no entorno do actual devalo demográfico ao bordo do perigoso cantil da súa posible desaparición neste mesmo século.
Se a lingua propia de Galicia, definida así no Estatuto de Autonomía, esmorece nestes últimos anos a velocidade de vertixe non é por causas naturais. É difícil non reparar en que foron as presións de pequenos grupos negacionistas e as súas reiteradas mentiras de “la imposición del gallego” as que levaron a Feijoo, cando chegou a presidir a Xunta de Galicia, a abandonar o consenso social e político forxado arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que avalara en 2004 sendo vicepresidente do derradeiro goberno Fraga.
Como son innegables os retrocesos para o uso da lingua galega, aí están os datos do IGE, que supuxo a posta en vigor en 2010, o tan mal chamado “Decreto de Plurilingüismo (pendente aínda de resolución xudicial), polo que o galego foi practicamente erradicado só nun par de cursos académicos dos centros de Educación Infantil e eliminado dos currículums de Matemáticas e Física e Química da educación obrigatoria, coa mesma urxencia e idéntica conmoción que require extirpar un tumor diagnosticado de daniño. Dende entón o galego non só perdeu uso entre as nosas crianzas de Infantil, privadas da súa aprendizaxe en idade tan decisiva para a consolidación das competencias de comunicación lingüística, sobre todo da lectoescritura, tamén perdeu prestixio e valor para as súas familias, consolidando actitudes negativas e prexuízos lingüísticos atávicos que comezaban a ser superados.
Ninguén pode sorprenderse agora que o galego sexa considerado pola primeira infancia como unha lingua escolar estraña e allea, coa que teñen o seu primeiro contacto como vehicular ao comezo da Primaria. Como ninguén pode negar que quedase subalternizada fronte ao castelán á hora da consecución do obxectivo da dobre e idéntica competencia en ambas as dúas linguas ao remate da ESO, imprescindible para garantir a liberdade lingüística de toda a cidadanía galega, que hoxe só ten garantida á que escolle instalarse en castelán. Os que optamos por instalarnos nas nosas vidas en lingua galega tamén merecemos que sexan respectados os nosos dereitos e que os nosos fillos non sexan considerados como seres extraterrestres na súa propia terra.
A que semella imparable onda castelanizadora das cidades portuarias atlánticas ten que ver coas opcións adoptadas polos seus gobernos e élites locais que nos últimos anos reduciron de forma drástica o emprego público da lingua galega. Este é o caso da actual corporación municipal viguesa, a que menos utiliza o galego de todas as do período democrático, esquecendo que é a lingua oficial do concello de Vigo como quedou fixado na Ordenanza de Normalización Lingüística vixente dende 1988. Con algunhas poucas excepcións, a maioría dos concelleiros e concelleiras do PSOE e do PP xa nin sequera interveñen en galego nos plenos e algúns manteñen de forma teimuda o monolingüismo castelán en toda a súa actividade pública. Abandono do uso público do galego que comparten membros de colectivos veciñais, sindicais, profesionais ou mesmo de novas opcións políticas que se presentan como alternativas.
Como temos aquí reiterado, ademais de ser un patrimonio da humanidade ao noso cargo, o galego é unha marca no espazo da globalización, o que supón unha riqueza incalculable e unha relevancia extraordinaria para Galicia e para cada un dos seus cidadáns. Xaora, non é posible conformarse diante dunha situación dramática que por ventura pode ser reversible se conta cunha maioría social disposta a corresponsabilizarse do seu futuro. O galego precisa un plan de rescate urxente, asumido por todos os poderes públicos e alicerzado sobre un amplo consenso político e social. De non aproveitar esta derradeira oportunidade, a lingua de todos caerá no abismo da súa xa inevitable desaparición.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir