Peinador castigado
No artigo da semana en Faro de Vigo volvo sobre a situación do aeroporto de Peinador:
Esculcando nos libros da historia local de noso foi como souben que hai oitenta e seis anos comezaron a desembocar en Vigo os camiños do aire, cando se realizou a primeira tentativa da súa incorporación ao mapa das rotas aéreas peninsulares. O 9 de setembro de 1927 aterrou na praia de Panxón o «Maribú», un avión da Unión Aérea Española co que esta compañía de capital hispano-alemán estudaba a posibilidade de establecer unha liña aérea que comunicase as cidades da beiramar galega (Ferrol, A Coruña e Vigo) coas portuguesas de Porto e Lisboa e destas con Sevilla e Madrid. A aquel Junkers para dous pilotos e catro pasaxeiros levoulle catro horas a viaxe directa dende Madrid, a unha velocidade máxima de 170 km por hora. Da viaxe do «Maribú» deixou testemuña o obxectivo de Pacheco que fixo a primeira serie de fotografías aéreas de Vigo tomadas dende un avión. Dous anos despois, abriuse o porto de Vigo ao tráfico de hidroavións, mais habería que agardar vinte e cinco anos até aquel 25 de abril de 1954 no que aterrou sobre a pista de mil cinco centos metros de Peinador un DG-3 de Iberia inaugurando o enlace aéreo Madrid-Vigo.
Non é lenda urbana ningunha. Peinador foi construído, literalmente, pinga a pinga polos vigueses, co esforzo dos nosos avós e dos nosos pais. Durante os anos de entusiasmo republicano, o concello, co apoio dalgúns empresarios vigueses, pulou polo proxecto de construír un aeródromo terrestre nuns terreos próximos ao primeiro apeadeiro do tranvía Vigo-Mondariz, bautizado como «Peinador» en homenaxe ao emprendedor galeguista Enrique Peinador Lines. En 1936 deseñouse un primeiro proxecto para Peinador con tres pistas de voó e unha estrada de circunvalación. Tras o levantamento militar, o goberno obrigou aos veciños dos concellos de Vigo, Lavadores e Mos a traballar dous días de cada mes sen remuneración ningunha na construción do futuro aeroporto. Unha prestación persoal que podía ser redimida –só por uns poucos, ben adiñeirados– pagando en 1937 doce pesetas á Junta del Aeropuerto de Vigo. A apertura da primeira liña regular do aeroporto de Lavacolla en 1937, que unía Santiago, Salamanca, Valladolid e Zaragoza, adiou o ritmo dos traballos de Peinador, que serían recuperados unha década despois. Tras a posta en marcha da liña de Aviaco con Madrid no 54 e con Barcelona no 58, o pulo industrial vigués foi tirando de Peinador, que cada década foi sometido a obras de ampliación da terminal de viaxeiros e dos servizos de axuda á navegación.
Tan alicerzado na historia viguesa e dos vigueses, o castigo actual que está sufrindo Peinador deixa tamén moi tolleita, eivada, á nosa cidade metropolitana. Viaxar a Peinador é cada día máis difícil e, por riba, moito máis caro. O noso aeroporto metropolitano perde viaxeiros, conexións e frecuencias. Unha auténtica sangría que de no ser atallada decontado, sen dúbida, o levará a perder a súa categoría (relegándoo a un carácter subalterno) e máis tarde, quizais, á súa quebra e peche. Porén, non é doado reverter unha situación, que ten a súa orixe tanto na diminución da actividade económica na nosa área metropolitana (estímase que o 45% dos viaxeiros de Peinador son profesionais e de negocios) como na dopaxe (subvencións directas a determinadas liñas áereas e destinos que adulteran a libre competencia) coa que funcionan as tres terminais competidoras de Porto, Santiago e A Coruña.
Vigo non pode resignarse a perder a súa conectividade aérea e o seu carácter histórico de cidade cosmopolita e transoceánica, pares do seu ADN. Na xusta defensa do seu aeroporto, Vigo non pode deitarse nos brazos do vitimismo paralizante nin na antipática confrontación visceral e improdutiva con outras cidades amigas, e moito menos coas súas cidadanías. Vigo sempre traballou a prol da integración de todas as cidades no proxecto galego e no do eixo da antiga Gallaecia. Vigo foi, é, e deberá ser no futuro, a cidade metropolitana que lidera os procesos de modernización e innovación en Galicia. Razón pola que cómpre mudar a confrontación pola cooperación, as negociacións bilaterais polas multilaterais e os vellos modelos centralistas polos máis modernos e eficaces da rede e da innovación.
Vigo (as súas institucións e cidadanía) ten que exixir con maior firmeza e determinación, acudindo a todas as instancias ao seu alcance (sen desbotar a xurídica da Unión Europea), a desaparición das subvencións públicas (tanto en España como en Portugal) ás liñas aéreas. Vigo debe promover a creación dun comité técnico aeroportuario do Eixo Atlántico (ou noroeste peninsular) que elabore unha proposta estratéxica para o desenvolvemento das catro terminais deste espazo aéreo baixo os criterios de especialización de tráficos (tanto de viaxeiros como mercadorías), destinos e bases operativas como de complementariedade de frecuencias e enlaces europeos e intercontinentais.
Por riba dos intereses políticos curtopracistas, a racionalidade indica que a saída para un conflito de intereses como o dos aeroportos do noroeste peninsular pasa por tratar a todos os protagonistas coas mesmas regras de xogo, sen menoscabo de atender aos intereses de carácter xeral. É perfectamente posible.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir