Pecha a Libraría Cervantes
Cervantes, a libraría do escaparate máis amplo e vistoso de Vigo, pecha. A pesar das mudanzas que os novos propietarios fixeron nos últimos anos, a más clásica das librarías viguesas non segue adiante. Outra baixa importante no centro da cidade, onde apenas resiste Librouro. As outras librarías foron desaparecendo todas, unha por unha: Bertrand, Arcova, Curros Enríquez, Cultural, Papelaría Española, Barrientos… (por citar as que fun recordando, houbo máis). Esta é a proba máis rotunda da crise dun sector cultural, ao que os poderes públicos semellan non valorar como merecera. Ben sinala Xurxo Patiño, o secretario da Federación de Libreiros de Galicia e responsable de Librouro: “o presente das librarías é complicado, o futuro desalentador”.
Actualización (11-2-2007): no artigo da semana volvo sobre a cuestión.
Etiquetas: Librarías
É unha mágoa. Colón, Cervantes… Unha libraría é moito máis que un-lugar-no-que-se-venden-libros
Quedoulle sen citar Maxtor, que eu saiba. Aquí, en Lugo, aínda hai poucos anos que pechou Alonso, un icono.
O que acontece coas librarías parece inevitable se se consideran como simples establecementos comerciais, suxeitos en exclusiva á oferta e a demanda: as franquías e grandes superficies levan sempre as mellores cartas.
E non se ve que os poderes públicos aren claramente noutro sentido. Mágoa; e perda.
Totalmente dacordo contigo lugués. Hoxe todo aos centros comerciais. Cómida rápida, cine rápido, librarías rápidas… Para qué nos imos molestar en ir a outros sitios se podes ir ao cine, mercar o último de García Márquez e 250gr. de mortadela no mesmo sitio? Ido sí, todo ben “aderezado” con “palomitas”, “cocas” (non confundir co doce tradicional) e hamburguesas tamaño hiperextramegagrande.
Estes peches non teñen nada que ver coas subvencións ós libros de texto, e convenios con política lingüística que fan do LIBRO unha simple MERCANCÍA que hai que negociar antes de imprimir?
O libro fai anos era algo digno de lerse… hoxe saen coma churros e os que menos interesan a ninguén son aqueles que reciben subvencións e promocións multimillonarias…
Os libros… haberá que REINVENTALOS se queremos seguir vivindo deles…!
Comparto o tono elexíaco polas desaparición das librerías, en xeral, pero hai que recoñecer que algunhas delas non podían traballar da maneira que o facían. E penso precisamente en Cervantes, ou na Bertrand que eran un desastre completo. Arenas na Coruña pode manterse porque non hai outras, pero o seu servizo é lamentable.
Aquí Brétemas glosou varias veces as librerías de Nova Iorque e, se non recordo mal, as de Londres, onde hai unha vida extraordinaria. Entrar nun Waterstone’s, Blackwell’s, un Barnes & Noble, é unha auténtica delicia, a pesar da nosa adversión ás cadeas de librerías. Xa me gustaría a mín que en Vigo depositaran os seus ollos esas compañías, mesmo un FNAC, tan atractivo.
Nota: a miña librería é GAMI, unha librería de barrio, perfectamente surtida, cun servizo excelente (un escaparate de novidades que renova todos os días¡) e trato amable. As dúas cousas poden ser perfectamente compatibles.
Por sorte para os coruñeses, si hai outras librarías ademais da temíbel “Arenas”, que se mantén pola inercia dos tempos, por dicilo finamente. E en xeral si creo que ao gremio libreiro víñalle ben unha certa sacudida, porque hai moitos establecementos aos que lles falta un pelo para a fosilización, e para comprobar isto basta ver como son as feiras do libro por GZ adiante.
A libraría Alonso, de Lugo, estaba situada en pleno casco histórico e tiña tradición moi longa. Trato amable, non excesivo gasto en persoal (a dona e unha empregada), amplos fondos, actividade cultural e o especial engado do seu local. Pechou.
Trama (unha década ou algo máis de vida) está atendida por licenciados en Filoloxía, lectores impenitentes; excelente relación cos clientes, proxección externa, coñecemento do medio e da profesión… Vive, xaora, pero moi sobrada non debe andar.
E iso que en Lugo non hai FNAC, nin sequera a Casa do Libro. Pero está o Carrefour, desde hai anos, e agora tamén o Eroski do centro comercial As Termas. Como dixo alguén máis atrás: os calzóns, kebab, cine e best-sellers todo dunha tacada.
O sistema comercial impón a súa lóxica sobre todas estas cousas. Se un establecemento non actúa con criterios loxicamente profesionais probablemente caerá polo seu propio peso. Ora ben, a libraría é algo máis ca unha tenda, ofrece e expende algo máis que produtos con valor engadido. Non falemos xa das vilas pequenas e medianas.
O seu papel parécese bastante ao do servizo público.
Pois eu creo que ese “algo máis” constitúe a excusa perfecta para non seren máis profisionais. Eu creo que sí é unha tenda e ten que ser unha tenda, pero evidentemente non todas as tendas son boas. E, por suposto, un licenciado en filoloxía e lector impenitente non é garantía de nada, agás de culto. Eu sempre escoito a vella comparación coas zapaterías ou as pobres mercerías (vaia teima sempre comparalas coas librerías): en Vigo a mercería Saldaña (por non falarmos da grande Lidia) ten éxito completo porque saben vender e venden moi ben. Iso debe esperarse dos libreiros. O que esperamos das outras tendas. Nin máis nin menos.
Esquecín o de servizo público: esiximos calidade, a mellor, por suposto, nos centros educativos e nos centros de saúde. Se iso pedimos dos servizos públicos, por que non solicitalo tamén para as librerías?
A Cervantes era unha das poucas con unha variada oferta de prensa estranxeira. Unha mágoa. A libraría Nós aí estivo que si que non. Sempre nos quedará Couceiro, unha das miña favoritas.
Mágoa non teña unha foto da Waterstone en Swansea para por no meu blog. Aínda que por fora parece unha libraría vella por dentro é pura modernidade, ate con salón de te. Por certo, a Waterstone ate ten libro técnico. e iso que as librarías técnicas aquí si que xa desapareceron case por completo.
Desde logo, vde. non ten por que aceptar a miña palabra de que os xestores de Trama son excelentes profesionais. Así e todo eu afírmoo, e tamén que as librarías constitúen un tipo de tenda algo especial, polo valor social que sobarda o do negocio; ou, polo menos, sono algunhas que non teñen nada garantida a supervivencia.
Estas merecen un apoio público, dado que se trata dun servizo público que outros non ofrecen. E a simple lei do mercado non garante.
Coma para tantas outras cousas, aquí hai unha historia contada: a película do 1998 You’ve got mail (Meg Ryan, Tom Hanks). Aínda que novaiorkina, eu identifico ben o seu asunto social, cultural, económico. Iso si -Hollywood- na realidade extracinematográfica o tiburón non adoita namorarse da pescada e vice versa. Habitualmente o primeiro papa a segunda, sen máis.
Non me parece ningún adianto en termos de civilización.Si o é que o xestor do acuario garanta a variedade de especies.
Eu creo que convén poñer en cuestión algunhas desas ideas sobre o valor social do libro, o do apoio público, ou se, por sermos trascendentes, a desaparición das librerías (obsoletas, non as vellas ben levadas) pode ser ou non un adianto na civilización.
Para maior bibliografía, aparte do You’ve got a mail, Vargas Llosa escribiu hai tempo unha endecha sobre a perda de librerías pequenas. Para ser un neoliberal, as súas bágoas parecen sinceiras, por contradictorias:
http://sololiteratura.com/var/vargartendecha.htm
Sen dúbida hai que pór en cuestión todas esas cousas. Tamén o alcance do termo “obsoleto” neste caso. Algo xa o estivemos facendo. Un saúdo.
A desfeita continua, unha mágoa
Eu utilizo o termo coa propiedade que poden aportar os repertorios léxicos, sempre discutible: Obsoleto: “anticuado ou non axeitado á realidade. Pouco usado”.
En portugués: “que caiu em desuso; ultrapassado; antiquado”.
Vexo nun Diccionario de Economía esta definición
“Aquel producto ou instalación que se atopa na fase final do seu ciclo de vida ao perder grande parte do seu valor inicial porque a súa demanda desprazouse cara outro producto sustituto, axeitado ás necesidades do momento”.
Xa. Pero, pasando dos repertorios á actualización, o punto sería determinar o indicativo de que algo quedou ultrapasado. A min non me parece saudable deixar que o mercado sexa nese sentido o único regulador.
E se cadra é un problema que levan canda eles -para o meu humilde, particular e escasamente poderoso ollo- algúns ou moitos dicionarios de economía. Ten sentido, a medio termo, o libro en papel?: resulta xa notorio que pode ser substituído, totalmente substituído. Quédalles algún sentido ás librarías “clásicas”?: certa lóxica comercial parece proxectar nuboeiro.
Eu véxolle, tanto ao libro coma á libraría, valores de uso diversos que a simple rendibilidade empresarial -na lóxica coa que parece manifestarse- obviamente non contempla. E non son liberal en economía.
Ora ben, tampouco non propugno a subvención da mediocridade.
Lamento informaros de que el cierre de la Cervantes no se debe a ninguno de los motivos que estáis aportando, sino a las grietas que ha causado una obra en el edificio contiguo. De hecho, los dueños de la Cervantes tienen previsto seguir siendo libreros, con un nuevo concepto llamado NOBEL, una franquicia que imita a una Fnac en pequeño. Pero sí es cierto que las librerías van cerrando, sobre todo las históricas, aunque si somos sinceros, la culpa es de todos. Es más cómodo comprar en determinados sitios, como la casa del libro, y sucumbir es fácil. seguir comprando a tu librero es casi una religión, y no todos la practican. saludos.