Onte 911: Emilia Pardo Bazán escritora galega
Acompañamos a María Xosé Queizán na presentación no salón da Academia Galega da Coruña do seu libro Emilia Pardo Bazan. Unha nena seducida polos libros. Como sucedera o mércores en Betanzos, a escritora viguesa ditou unha formidable conferencia arredor da figura de Emilia Pardo Bazán (EPB), a quen comezou cualificando coas palabras que sobre ela utilizara Rosalía de Castro: «magnífica, absoluta, soberana», «non se pode decir máis sobre a gran escritora», engadiu. «Rosalía apreciaba a EPB, non como outros escritores da súa época, elas eran dúas magníficas e soberanas escritoras». «EPB sitúanos sobre os temas álxidos do seu tempo, os aspectos máis sórdidos da sociedade. Rosalía recoñeceu os esforzos desta escritora que coma ela asomou a un espazo masculino, o da literatura, non cantando ás pombas e ás flores, senón dende outra fronteira, iniciando outra interpretación do mundo».
Citou Queizán o último ensaio de Manuel Forcadela, Dama. saudade e o Cabaleiro da sombra, para afirmar que «toda obra literaria constitúe un acto socialmente simbólico. Incorpórase ao texto a estrutura social que vive a autora e o seu insconciente político. A submisión non foi patrimonio nin de Rosalía non de EPB. Dona Emilia foi cualificada como masculina nalgunhas ocasións, mesmo sen ter que vestirse coma home para acudir ás aulas da universidade como fixo Concepción Arenal. lembremos que daquela as mulleres non podían ter títulos universitarios, razón pola que a ferrolá conseguiu asistir ás aulas vestida de home para non escandalizar. Non está de máis lembrar o argumentou utilizado por Juan Valera para opoñerse á entrada na Academia de mulleres, “xa que podían distraer aos académicos”».
A seguir María Xosé Queizán abordou a cuestión da educación, »unha arela feminista no século XIX, para ir alcanzando a igualdade social e a soberanía». «Emilia é consciente que a Ilustración, ese movemento extraordinario, do que nacería o feminismo, é onde xorde a idea de igualdade do feminismo, ao tempo que os principios de liberdade e fraternidade (“sororidade” dicimos as feministas). Dona Emilia denuncia a grande inxustiza da desigualdade entre homes e mulleres en Madre naturaleza. Sabe que o patriarcado é básico e anterior ao sistema, que non ten que ver coas clases sociais. Lembrou a desputa que en 1980 mantivo nas páxinas de La Voz de Galicia con Ricardo Carballo Calero, quen consideraba a «Rosalía como un escritor». »Dona Emilia afirma que a educación das mulleres era doma xa que se propón a submisión das mulleres. Aínda hoxe chama a atención o progresismo de dona Emilia sobre aspectos educativos, sociais e sexuais». Lembrou a importancia que tivo a «Biblioteca da Muller» que promoveu e a referencia a outra novela de dona Emilia, A pedra angular, serviulle para explicar a hipocrisía social sobre o tema d apena de morte.
Falou despois María Xosé das mulleres traballadoras na obra de Pardo Bazán. «Para ela as mulleres traballadoras teñen un valor superior ás señoritas cursis, chegou a afirmar que “a muller traballadora é máis persoa que a burguesa”. Fala de criadas e obreiras. Publicou a única novela durante moito tempo en Galicia sobre o proletariado feminino, La Tribuna, sobre as cigarreiras da Coruña; habería que agardar até os anos oitenta por Amor de tango, sobre as conserveiras de Vigo. Amparo, a protagonista, é paradigma da dignidade das mulleres, da muller traballadora, rebelde e socialista. EPB fai unha defensa do traballo como actividade humana que dignifica. Falou daquela folga das conserveiras de Vigo dos anos 20, motivada porque o goberno quería facerlles pagar un tanto por maternidade, tanto ou máis do que cobraban. Emilia comprendeu a diferencia entre o labor e o traballo. O labor solitario e rutinario que as mulleres fan nas súas casas, que nunca se dá feito, desprezado, escravo, porque non se paga. O labor é a posición dependente en cadanseu fogar o que permite a violencia machista». Abordou tamén Queizán como concibiía dona Emilia as relacións entre o campesiñado e a fidalquía, cuestión presente en Los pazos de Ulloa, comparándoa co tratamento máis conservador sobre esta cuestión que máis tarde realizará Otero Pedrayo. Analizou a cuestión da relixiosidade e a súa oposición ao matrimonio e á transgresión das súas normas.
Rematou a conferencia Queizán analizando as razóns polas EPB non escribiu en galego, polo que foi tantas veces denostada. Lembrou que «toda a prosa de Rosalía esta escrita en castelán, igual que a de dona Emilia, quizais porque as dúas ignoraban a existencia dos textos do galego medieval». A este teor, comentou que «o grave e funesto foi que nos anos oitenta do século pasado non se aproveitase a introdución do galego no ensino para recuperar a orotografía do galego medieval». «Como non é xusto que lle achaquemos a dona Emilia o feito que non escribise en galego as súas novelas, xa que daquela non tiña receptividade». Queizán reivindicou o carácter de EPB como «escritora galega» especialmente pola temática abordada nas súas novelas cen por cen galega. «O desleixo que tivo Pardo Bazán por parte dalgúns e a crítica dunha escritora que non leron por outros foi parello ao xuízo descualificador de Rosalía ao ser mal lida». «A Rosalía fómola reivindicando a crítica feminista dende 1985, sobre todo a partir da publicación do segundo número da Festa da palabra silenciada e do congreso celebrado en Compostela, a partir de aí se iniciou unha nova interpretación dela. Co EPB fixemos tamén un número da nosa revista e este libro, coa idea de que cambie a súa valoración, de que a mocidade galega saiba quen foi EPB, sacala dun pozo onde a teñen recluida, a dunha escritora magnifica, absoluta e soberana».
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir