Onte 904: A plataforma de contidos dixitais de Abalar
Foi o propio presidente da Xunta quen onte presentou a continuidade do programa Abalar para os tres vindeiros cursos e para o dez por cento do alumnado do ensino non universitario de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO. A novidade do anunciado reside na creación dunha «plataforma de contidos curriculares dixitais na que estará ao completo a materia de cada curso», da que nada sabemos nin fomos informados os profesionais da edición educativa en Galicia nin do sector da libraría. Ademais deste «enigma», valorado por Feijoo en 3,6 millóns de euros, chama a atención que a Xunta continúe optando por un modelo de contido dixital educativo redistribuído (sen conexión á rede) e apostando por un modelo de «educación dixital completa», que elimine o uso dos soportes impresos, «eses perigosos e caros libros impresos». Abandónase así a estratexia de hibridación dixital de todo o sistema educativo, no que se utilizan ambos os dous tipos de soportes e no que se privilexia o desenvolvemento da competencia dixital e das competencias de comunicación lingüística, aconsellada de forma reiterada nos documentos da LOMCE. Temo que como xa sucedera coa potenciación da ensinanzas do inglés, que xustificou o retroceso do emprego do galego como lingua vehicular, a dixitalización das aulas sexa utilizada como ferramenta da mercadotecnia política.
Estou totalmente convencido da certeza da última frase. O “dixital” vende moi ben nos xornais que lle dan polo pau ao conselleiro (non hai máis que ver as repetidas fotos nas que aparecía sorrindo ao lado de nenos cun computador de Abalar. A inmensa maioría dos nenos que aparecían nas fotos penso (polos datos que fornece a propia Consellería) que hoxe prácticamente non usan eses computadores. O “negocio” non está na educación dixital dos nenos. Está noutra parte.