Onte 735: Unha historia literaria de referencia
Para os editores sempre é motivo de fachenda e satisfacción a chegada ás librarías de obras que consideramos de referencia, as chamadas a perdurar e a gañar importancia co paso do tempo, eses títulos que engalanan o noso catálogo durante anos e anos. Obras arriscadas para autores e editores neste tempo de tránsito da edición, onde a fraxilidade do dixital envellece o soporte escrito no momento da súa publicación. Esa mesma fachenda e convicción foi a que sentimos onte coa chegada do primeiro volume (dos catro previstos) da Historia da Literatura galega de Xosé Ramón Pena, máis de catrocentas páxinas nas que se reconstrúe con detalle o relato da produción literaria galega dende a Idade Media até os inicios do Rexuridmento, coincidindo coa publicación d’ A Gaita Gallega de Xoán Manuel Pintos. Sei que cómpre agardar a publicación dos tres volumes restantes, prevista a un ritmo dun por ano, mais creo non equivocarme considerando que as achegas metodolóxicas, historiográficas e bibliográficas do proxecto de Moncho Pena están á altura das grandes (tamén escasas) historias literarias de noso, como a do seu mestre Ricardo Carballo Calero. Foi e continuando sendo o de Pena un esforzo individual enorme, teimoso, constante, diario, propio dun gran maratoniano da nosa investigación literaria. Unha actitude que merece a nosa maior gratitude como editores. Tanto polo seu enfoque comunicativo e polo novidoso de moitas das súas interpretacións e lecturas (onde creo está a cerna da obra) como pola importancia concedida ao estudo das circunstancias políticas e sociais sobre o feito literario e sobre o devir da lingua galega, esta obra de Xosé Ramon Pena posúe ese carácter perdurable, dunha historia literaria de referencia, por riba de soportes impresos e dixitais. Agardamos con expectación a recepción deste primeiro volume por parte da comunidade académica e polo conxunto do noso sistema literario.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir