Onte 705: A marcha de Andrés Túñez
A máis que probable cesión de Andrés Túñez, con quen esta tempada non conta Luis Enrique, é unha pésima noticia para o celtismo. Mentres o central zurdo de Bertamiráns collerá as maletas (quizais cara a Liverpool ou cara unha cidade española, equipos non lle han faltar), o adestrador asturiano procura no mercado atopar outro defensa do seu agrado. Unha tolería, unha decepción, un capricho, unha «mostra de autoridade» de LE que, fronte a querenza da afección, impón o seu «criterio técnico» apartando de Balaídos a quen foi unha das insignias celestes das últimas tempadas. Imaxina alquén que Tata Martino fixese a súa chegada a Can Barça outro tanto con Piqué ou Carles Pujol? Unha decisión a do adestrador dificilmente xustificable como medida disciplinaria, xa que sabemos do rigor, profesionalidade e da serenidade do internacional venezolano tanto dentro coma fóra do terreo de xogo. Un «capricho técnico» que evidencia o carácter soberbio dun adestrador –non concede entrevistas aos medios vigueses– que, polo visto neste primeiro mes en Vigo, puxo o seu proxecto (e os seus intereses) sempre por diante dos da sociedade celeste. Non adoito ser agoreiro nin pesimista, mais con este comportamento de adestrador vedette, non é difícil agoirar dificultades no futuro, tanto se o Celta de LE funciona coma se fracasa. Agardo que o bo de Andrés Túñez, un rapaz moi riquiño e un futbolista magnífico, teña lonxe de Vigo o éxito que merece nunha tempada decisiva para a súa participación no mundial de Brasil, o que suporía un fito para a súa traxectoria deportiva e para a do conxunto do fútbol galego.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir