Onte 602: O galego do estigma á estima
Novo serán moi fresco e moi interesante na Feira do Libro de Compostela para presentar primeiro o Tastarabás de Antón Cortizas e despois o ensaio lingüístico de Valentina Formoso Do estigma á estima.
Foi o escritor Carlos Negro quen glosou o libro de Valentina Formoso. O autor de Makinaria desenvolveu unha reflexión, que titulou «Sociolingüística de silveira», a partir dun ensaio que situou como «unha encrucillada, un lugar onde zoan moitos ventos, unha obra moi necesaria para repensar o que facemos nos centros sobre a normalización». Entre as afirmacións de Negro tomamos notas das seguintes: «Os prexuízos negativos sobre a lingua resisten no imaxinario colectivo galego coma os percebes no Roncudo». «O proceso de normalización, concibido coma combate de boxeo entre o galego e o castelán, prexudica a nosa lingua, que nesa lea, a pesar de que animemos aos máis débil, ten todas as de perder». «Temos que entrar coa lingua na subcultura xuvenil ( a do “cool”, “sexi”, “chic”…). Temos que seducir a esa xeración xa que as emocións pesan moito máis ca as ideoloxías». «É máis interesante celebrar o Día da Ciencia en galego co 17 de maio. Precisamos máis ecuacións en galego e menos versos. Non foi inocente que o goberno fose polas materiais de ciencia en galego». «Os textos sobre a lingua de Castelao rascan pero hoxe non pican». «A TVG é un pais para ver. Entre os Bolechas e Gayoso, os adolescentes só atopan toxos e silvas». «A ultradereita mediática controla a linguaxe sobre o debate sociolíngüístico. Roubaron termos que eran nosos como liberdade, plurilingüismo…». «O modelo fonético e sintáctico do galego é ouro de vinte e catro quilates». «O movemento lusista comezou a casa polo tellado. A presenza do portugués no noso sistema educativo é unha obriga inexcusable». «A pregunta correcta sobre o futuro do idioma será cando contestemos “Zara home é unha empresa téxtil de moda masculina”». «O actual goberno de Núñéz Feijóo pasará á historia polo seu nivel nulo de consenso arredor da lingua». Rematou a súa intervención Carlos Negro recomendando a lectura do libro de Formoso: «ofrece datos, análise demorada, aire limpo, sen prexuízos e sen anatemas. A autora non renuncia á esperanza. Este é un libro coa lingua entre os dentes cun caravel vermello».
Iniciou o seu discurso Valentina Formoso encadrando o libro na Sociolingüística intervencionista na que sempre creu. «O libro naceu polo choque que me produciu nos meus inicios como docente comprobar en centros con maioría galegofalante que o alumnado expresaba os mesmos prexuízos sobre a lingua que cando eu ía ao instituto». «En 2003 iniciei grupos de discusión con alumnado de ESO sobre o seu discurso lingüístico. Aí naceu a investigación cualitativa recollida na primeira parte do libro». Para Formoso «até agora a normalización non se ocupou para nada dos galegofalantes. As políticas lingüísticas dirixíanse a recuperar falantes en zonas urbanas. Chocábame moito a idea que escoitaba: “aí nada teñen que normalizar, aí todos falan galego”. Porén, nese entorno galegofalante existen moitos prexuízos arredor da lingua («Eu non falo ben galego»), problemas de estandarización, inseguridade lingüística, falsa «amabilidade lingüística» ou problemas co acento galego». «Estas actitudes negativas son as que determinan o comportamento parao abandono da lingua. Esas actitudes veñen dun imaxinario que hai que mudar. O traballo de facelo ten que ser prioritario na normalización». Rematou Formoso debullando algunhas das propostas («non son verdades absolutas«) recollidas no libro: «Cómpre planificar lingüisticamente doutro xeito, atender aos ámbitos galegofalantes e facelo dentro do sistema educativo, a pesar de que a administración queira quitarlle importancia». «Cómpre mudar o marco da normalización. Debemos chegar á maioría da sociedade. Saír das trincheiras, buscar maneiras de avanzar. Mudar os estereotipos ainda moi presentes sobre a lingua». «Non podemos agardar que haxa un factor paranormal que vaia salvar o galego. Nin a solución vai vir de fóra nin cada un ten a única maneira de arranxalo». Rematou Tina Formoso reclamando «sermos máis proactivos. Debemos conseguir estima para a lingua. A única maneira de avanzar é conseguir estima para ela».
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir