Onte 542: Pelegrinaxe rosaliana
Xa hai ano e medio demos noticia do documental da pelegrinaxe polos camiños rosalianos realizada con motivo do 25 de xullo de 1951. Onte traballando sobre a figura egrexa de Antón Beiras García din coa peza completa (48 minutos), que constitúe unha auténtica alfaia para a historia do galeguismo e un recurso didáctico excepcional.
Nesta peregrinaxe polas Terras de Iria e Ortoño, os espazos rosalianos de seu, participaron un bo fato de galeguistas daquel tempo (Ramón Cabanillas, Ramón Otero Pedrayo, Valentín Paz Andrade, Manuel Gómez Román, Sebastián Martínez Risco, Manuel Casás, Ramón Piñeiro, Pura Vázquez, Borobó, Domingo García Sabell e Francisco Fernández del Riego, o crego Paulino Pedré, Xosé Mosquera «O vello dos contos», entre outros), ademais de centos de persoas anónimas que se lles uniron de xeito espontáneo. En cada un dos lugares visitados pola comitiva cívica galeguista, un dos participantes pronunciaba un discurso cunha temática acaída ao espazo. Os actos rosalianos proseguiron en Compostela, xa coa presencia de dona Gala Murguía de Castro, no mosteiro de San Domingos de Bonaval, despois no castro de Santa Susana e na Alameda diante da estatuta de Rosalía, onde interviron Cabanillas e Otero Pedrayo que fixo unha referencia aos enterrados no cemiterio de Chacarita de Buenos Aires.
A película (a cor) foi promovida e dirixida polo doutor Antón Beiras García, filmada por Pedro Dopazo, sobre un fermoso guión literario de Celso Emilio Ferreiro. Apareceu producida por «Alborada. Documentais de Galicia», unha probable creación do emprendemento modernizador do Antón Beiras, constituíndo quizais a filmación completa máis antiga e de maior calidade de cantas se conservan sobre a historia do galeguismo daquel período. A gravación repicouse e sonorizouse en 2000 por parte da Fundación Caixa Galicia e o xornal El Progreso, incluíndose como limiar as testemuñas de grande valor dos xa falecidos Borobó, Paco del Riego, Pura Vázquez, así como de Antía Cal, a dona de Antón Beiras o argalleiro da película. Un documento excepcional que debe ser divulgado neste ano rosaliano.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir