Onte 347: Mestre don Avelino
A figura de Avelino Pousa Antelo convoca simpatía unánime en sectores sociais ben diferentes da sociedade galega porque simboliza o galeguismo pacífico até o lirismo, ao que convocaba Castelao na súa Alba de Gloria. O pasamento do mestre don Avelino, un carballo case centenario sempre ao servizo da causa de Galicia, supón que politicamente se apagou o derradeiro facho da xeración do Partido Galeguista, as Irmandades da Fala e a Xeración Nós; fendeuse de vez o elo que unía ao nacionalismo contemporáneo co proceso de construción nacional iniciado naquel tempo republicán de soños e entusiasmo. Don Avelino non fixo outra cousa ao longo de case oito décadas que contribuír a alicerzar o soño dunha Galicia dona de seu, orgullosa da súa lingua e da súa cultura (que defendeu até o seu derradeiro salaio), confiada nas súas propias posibilidades e na determinación dos seus cidadáns. Traballou por este soño coas únicas armas posibles para un patriota galego coma el, a confianza cega nas posibilidades da educación pública e da acción política por medio da palabra. Mestre adiantado da renovación pedagóxica da escola rural (socio de honra de Nova Escola Galega), promotor da Escola Granxa de Barreiros, impulsor do cooperativismo agrario, cando se xubilou dedicou as tres derradeiras décadas da súa vida a defender a dignidade da nación de forma insubornable percorrendo os seus camiños e vieiros até onde a súa presenza venerable era requirida e participando como home de acordos en institucións claves do galeguismo nacionalista como as Fundacións Castelao, Bóveda ou a do Pedrón de Ouro. Don Avelino foi un modelo ético dunha peza, espello de honestidade, rectitude, fraternidade, solidariedade, amizade, valores polos que a súa persoa concita o maior agarimo e respecto. Adeus para sempre adeus, don Avelino! Sempre bo e xeneroso, irmán!
Esta anotación foi publicada en Faro de Vigo.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir