Onte 306: A subida do IVE e o libro

Na primeira reunión da nova directiva da Asociación Galega de Editores, na que aprobamos o programa de actividades para segundo semestre do ano, agoiramos as maiores dificultades para o mercado do libro galego diante da inevitable subida do actual IVE superreducido do 4%, que o venres aprobará o Consello de Ministros. Tanto sexa un 8% para o libro impreso (o que semella máis probable), como un 18% ou 21% para o electrónico, este incremento arrefriará aínda máis a compra de libros, un mercado que vive en Galicia o momento máis crítico das últimas dúas décadas. Non deixa de ser un sarcasmo que a reivindicación dos editores europeos na última década fose a de acadar un IVE cero, por tratarse o libro dun ben cultural; como tamén o foi, mentres isto non se acadase, loitar pola rebaixa do que grava o libro dixital descargable (tal como aprobou en Francia e Luxemburgo) até deixalo no mesmo tipo ca o analóxico. Agora, nun país como Galicia cuns baixos índices de lectura, esta subida do IVE, ao inicio da campaña escolar, pode supoñer a catástrofe definitiva para o sector editorial e a manifestación do maior desprezo pola cultura. Como tuiteou onte o mestre Xabier Docampo «sen libros, sen cultura, non se sae da crise».

3 comentarios
  1. Manuel Bragado
    Manuel Bragado Dice:

    O anuncio realizado por Rajoy no Congreso de subida dos tipos de IVE non afecta ao tipo superreducido, que se mantén no 4%. Sen dúbida, unha boa noticia para o sector do libro e dos xornais. Con todo, no sector editorial hai cautela, xa que polo momento, se descoñece o regulamento, no que aparecen os produtos de cada tipo. En todo caso, o IVE do libro electrónico descargable subirá ao 21%.

    Responder
  2. Alcacén
    Alcacén Dice:

    A miña dúbida é a seguinte. Mantense o tipo super reducido (4%) para os libros, certo. Pero que pasa co IVE que hai que lle pagar á imprenta, por exemplo, ou aos distribuidores. Este non sube? Non rematá por repercutir á fin indirectamente?

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa una resposta a Manuel Bragado Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *