Onte 1986: Comeza unha renovada Feira do Libro da Coruña
No día de inauguración da Feira do Libro da Coruña agradecín que, despois de non faltar en ningunha das últimas vinte e cinco edicións, os organizadores me convidasen a conversar con Manuel Gago arredor da súa novela máis recente O exército de fume. Unha deferencia que moito agradecín, mais aínda cando resultou tan interesante o formato conversado da presentación, tanto para o público que encheu a carpa como para o propio autor e editor. Unha mudanza significativa de formato, ademais das comodidades das novas instalacións, introducidos polo novo modelo organizativo da feira compartido entre a Federación de Librarías de Galicia e o Concello da Coruña, o que constitúe un acordo histórico para enxergar un novo futuro para o conxunto das feiras do libro de Galicia.
O feito de contar con máis trinta librarías participantes, con dúas carpas de programación literaria simultánea, a carpa grande e a infantil, con máis de oitenta autores e autoras asinando nas librarías, así como ofrecer unha intensa presenza nas redes sociais, tanto en Facebook como Twitter, imprimen a esta feira da Coruña un gran dinamismo e a consolidan como referente indiscutible da actividade editorial e libreira en Galicia.
Souben que pola mañán o meu admirado Xavier Senín dedicou o pregón ao mestre Xabier DoCampo, un dos fixos desta feira coruñesa, a quen onte tivemos moi presente na nosa memoria. Convido a non perder este programa literario excelente, onde Xerais ten unha participación destacada, que por riba a partir do 6 de agosto se comparte coas actividades e as casetas de Viñetas desde o Atlántico. Parabéns aos organizadores por convertir a Coruña en capital do libro en Galicia.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir