Onte 1974: Ramón Chao, escritor rebelde
Coñecín a Ramón Chao hai apenas dezaseis anos, da man do editor Carlos Díaz Martínez co que compartiu tantos días parisinos. Dende entón, Ramón tratoume como ese amigo de toda a vida que de cando en vez chamaba para dar novas dende París da súa máis recente tatuaxe, o que sabía era equivalente a publicación dun novo libro (e foron ben deles). Ramón Chao contaxiaba enerxía entusiasta en cada unha das actividades das que se ocupaba, fose o xornalismo rebelde, a tradución ao francés das obras de Manuel Rivas, ou a publicación das propias en galego sobre Prisciliano ou A Bela Otero. Xaora, foi o compromiso de recuperar en galego O lago de Como, a súa novela vilalbesa dos tempos difíciles de infancia no Hotel Chao, o que lembrarei con máis emoción de Ramón Chao, tamén pianista prodixioso, coma o protagonista da obra, tan rebelde como para axustar contas co propio pai. Todos os nosos abrazos e saudades nosas para os seus.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir