Onte 1969: «As cantigas de Martín Codax en 55 idiomas»
Gañei onte o día cando como membro do xurado dos Premios de relato e poesía da Universidade de Vigo me agasallaron un exemplar d’ As cantigas de Martín Codax en 55 idiomas, un libro arca editado con motivo da exposición en Vigo do Pergamiño Vindel. Máis alá do feito de que con esta edición as sete cantigas do primeiro poeta vigués se convertan no título literario galego traducido ao maior número de linguas, desde o chinés ao bengalí, desde o finés ao maorí, pasando polo persa, árabe, quichua ou romanés, o que constitúe unha proeza editorial, a obra coordinada polo catedrático Xosé Henrique Costas González expresa como ningunha outra a proxección inclusiva do texto codaxiano e, sobre todo, esa «forza que vén de lonxe» dos tradutores e tradutoras, embaixadores da lingua galega das máis diversas nacionalidades espalllados polo mundo, que se namoraron de Galicia e da nosa lingua, que traducen, falan e escriben con primor.
Xaora, este é un libro testemuña da diversidade lingüística como patrimonio da humanidade que se ofrece, ademais, como unha excepcional ferramenta didáctica para ser empregada nas nosas aulas. Parabéns ao coordinador, á Universidade de Vigo como editora e aos 55 tradutores e tradutoras deste libro histórico.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir