Onte 1607: Marilar, académica
Compartín onte con Marilar Aleixandre a tertulia política d’ A Crónica da Radio Galega, onde como tantos outros mércores debatemos cos xornalistas Fran Espiñeira e Ánxel Vence. Todos abeizoamos a Marilar pola súa candidatura para cubrir a cadeira de Xosé Neira Vilas na Academia Galega, o que supón un merecidísimo recoñecemento para a súa traxectoria como escritora en lingua galega e como unha das científicas máis destacadas da nosa cultura.
Coa entrada de Marilar Aleixandre a Academia gaña o talento literario da autora dun catálogo amplísimo, narrativo, poético e ensaístico, con obras extraordinarias como Teoría do caos, A expedición do Pacífico, A Cabeza de Medusa ou Ovella descarreirada, mais tamén a súa experiencia internacional como membro da xunta directiva do IBBY, o seu compromiso como veterana activista feminista e ecoloxista, a súa experiencia política, como o coñecemento profundo que como catedrática de Didáctica das Ciencias da USC ten do mundo educativo e do método científico. Sen dúbida, a de Aleixandre é unha grande incorporación para a dinamización da institución de Tabernas que semella decidida a recuperar tanto tempo perdido.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir