Onte 1444: Principio de Arquímedes
Leo con interese unha entrevista que un medio colombiano fixo a Manuel Gil, unha das persoas que reflexiona sempre con maior radicalidade sobre o proceso actual de hibridación da lectura e da industria editorial. Gil resume o seu diagnóstico/prognóstico no que denomina «Principio de Arquímedes da industrial editorial»: «Conforme emerxa o libro dixital, o libro en papel vai desaparecer». Sei que esta profecía ten o seu fundamento, xa que hai contidos (como os enciclopédicos) que os editores xa non imprimimos, sendo substituídos polo soporte dixital. Mais tamén sabemos que hai tipos de edición impresa que están coñecendo un momento excelente, como o álbum ou a banda deseñada. Gil entende que a solución para evitar que o libro en papel desapareza pasa pola creación por parte das editoras dunha rede de comercialización baixo demanda en cada país, na que os lectores e lectoras que prefiran este soporte poidan solicitalo. Un modelo de negocio semellante ao que o Grupo Arnoia propón en Kalaiki, no que se integran a impresión e distribución baixo demanda sen tirada mínima.
Xaora, Gil non sabe cal vai ser o ritmo desta hibridación disruptiva do sector editorial, en definitiva, responder á pregunta de cando vai desaparecer o libro impreso, aínda que semella que vai padecer unha longa agonía. Cremos que este proceso de hibridación non vai ser alleo ás políticas de lectura e alfabetización informacional que os poderes públicos poidan desenvolver na súa rede de bibliotecas como tampouco ao modelo de dixitalización adoptado nos sistemas educativos. Bibliotecas e políticas educativas dixitais convértense así en dous dos lados do triángulo dos futuros do libro. Nas características desa intervención pública pode radicar a validez deste Principio Arquimedes para o sector do libro.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir