Onte 141: Desfeita cultural en Vigo

A crise económica e a falta de políticas estratéxicas públicas no eido da cultura está provocando unha auténtica desfeita en Vigo. O formidable arquivo fotográfico Pacheco, tesouro da memoria viguesa de boa parte do século XX, pechou coa fin do ano. O Marco, o museo de arte contemporánea co maior número de visitantes do país, sobrevive en precario cos fondos municipais, afogado polas débedas das achegas comprometidas polas administracións xestionadas polo PPdeG e pola retirada do mecenado da caixa. O Museo do Mar de Galicia, a alfaia de Alcabre, reinicia unha nova xeira, tras a demisión do seu director, fartiño de loitar en soidade contra a falta de medios. Da creación da Biblioteca Pública do estado na Panificadora, hai meses que nada se sabe. O centro arqueolóxico do Castro reduce o seu horario. Os festivais Transforma e Marisquiño ameazan marchar da cidade por falta de apoio do concello. Os centros culturais do que foi a caixa anuncian que cobrarán pola cesión das súas instalacións. E se todo isto non abondase, onte, o Museo Liste, probablemente un dos centros didácticos sobre a cultura tradicional máis importantes de Galicia, anuncia o seu peche. Afogado polas débedas, tras a redución drástica en 2010 da asignación que recibía do concello de Vigo -ollo!, cando o BNG xestionada as áreas de Cultura e Patrimonio Histórico-, que pasou –por un erro administrativo, nunca subsanado- de 96.000 a 6.000 euros anuais. Incrible!, aínda que custe acreditalo. Como arrepiante é a posibilidade, para vergonza cidadá, que o propietario deste museo (privado) venda algunha das pezas (patrimonio único) coa intención de liquidar as débedas ou que a súa páxina web apareza só en castelán.  Non abonda con laiarse, agora, do peche de almeiros da memoria nosa como o Pacheco e o Liste. Ninguén dubida que é obriga do concello de Vigo garantir a continuidade de ambos os dous museos, unha responsabilidade que o alcalde debe asumir sen matices decontado. No entanto, a cerna desta desfeita actual está na carencia dunha política municipal sostible no eido da cultura, que fose máis alá das querenzas das persoas responsables da Consellaría de Cultura ou dos avatares da composición de cada goberno municipal. Con tantos gobernos progresistas como tivemos na dúas últimas décadas, é posible que non contemos aínda con documentos estratéxicos básicos como son un plan municipal de museos ou un plan municipal de lectura? Hai algunha razón  para que non se crease un Consello Municipal de Cultura, como teñen outras tantas cidades? Canto tempo perdido, meu deus!

1 comentario
  1. Daniel Varela
    Daniel Varela Dice:

    E que queres que che diga, no meu concello realizouse unha investigación sobre as diferentes revolucións industriais no concello. Agora os instrumentos da nosa terra e os resultados das investigacións realizadas fúndense na escuridade dunha habitación dun centro social, cerrado ao público. Que podemos esperar dun comportamento tan responsable sobre o patrimonio local? A cultura non lles compensa, soio as fotos de locais sociais cheos de cintas, bicicletas estáticas e cafeteras no “Tierras”.

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *