Onte 1388: Cifras da edición galega recente
O Observatorio da Cultura Galega recompilou os datos dispoñibles, procedentes do ISBN e dos estudos de Comercio Interior do Libro, que axudan a comprender o estado da edición en Galicia e en galego recente. Entre tantas cifras saliento o que entendo son algunhas claves e tendencias.
Primeira. Tras unha importante diminución do 47,53 % do número de títulos editados en Galicia e do 43,99% dos editados en galego, entre 2010 e 2013, no pasado ano (2014) produciuse un incremento do 15,4 % da edición galega e do 23,63 % da edición en galego. Incrementos que se deben, sobre todo, aos da edición electrónica que se duplicou no último ano en ambos os dous casos. No entanto, o libro dixital supuxo en 2014 o 20,1 % en Galicia e o 26,37 % do editado en galego. Porcentaxes que acreditan no proceso de hibridación da actual oferta (ca non da facturación) do noso sector editorial.
Segunda. A edición en galego, no entorno do proceso de hibridación (2008 a 2014), mantense en porcentaxes superiores ao 60 % do libro editado en Galicia. Neste contexto no último ano é significativa a importante baixada do número de títulos traducidos do castelán e a continuidade da dependencia do subsector do libro escolar e infantil e xuvenil, aínda que o primeiro xa exprese unha clara tendencia á baixa do número de títulos editados.
E terceira. Que o sector editorial e as persoas relacionadas coas actividades da edición en Galicia ocupen a 5.438 persoas é unha estimación moi a ter en conta, máis aínda nun sector de actividade que perdeu un 35 % do emprego dende 2008.
Mágoa que non contemos aínda cos datos máis desagregados do estudo do Comercio Interior do libro de 2014, que se coñecerán, previsiblemente, a comezos de outubro coincindo coa inauguración de Liber. En todo caso, entendo que estes datos do OCG expresan unha tendencia a un lixeiro repunte da actividade editorial da man do libro electrónico (ca non do libro impreso) e unha diminución da oferta do mercado paraescolar, a pesar de que continúa artellando a actividade de creación e distribución do sector.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir