Onte 1255: Un plan para o libro
Deuse a coñecer onte o Observatorio da libraría 2014, a panorámica que as Confederacións de Libreiros (CEGAL) elaboran sobre a situación das librarías independentes. O descenso das vendas nun 18 % nos últimos tres anos e a diminución do número de librarías constituen apenas dous síntomas da crise profunda dun sector que sabemos vai moito máis alá dos efectos provocados pola devaluación interna e pola baixa das vendas do comercio minorista. A crise da libraría cultural é hoxe a do conxunto do sector do libro provocada tanto pola hibridación da edición como pola perda de valor (e prestixio social) do libro en particular e da cultura en xeral. As librarías independentes precisan un plan de medidas urxentes, que debería formar parte dun plan estratéxico para o conxunto do sector do libro. Un plan para o libro asumido polos diversos gremios da edición, da libraría e da distribución, mais tamén polos diversos poderes públicos, que non poden eludir a súa responsibilidade sobre a cultura. Sen esta estratexia compartida que facilite a incorporación da lectura na axenda pública, temo que o futuro do sector do libro, xa a curto prazo, sexa máis que incerto.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir