Onte 1191: 2015, l’ Any de les biblioteques
A Generalitat de Catalunya declarou 2015 como o ano das bibliotecas, unha celebración que coincide co primeiro centenario da creación da rede de bibliotecas da Mancomunitat de Catalunya. Aquel proxecto de crear bibliotecas en todo o territorio de Cataluña, redactado por Eugeni d’ Ors co «afán de estender a cultura e a formación a todo o país», máis alá da rede de bibliotecas públicas provinciais, supuxo o primeiro modelo de bibliotecas públicas municipais do estado. A celebración do ano das bibliotecas, ademais de homenaxear a esta experiencia centenaria, supón poñer en valor o que é a primeira institución cultural de cada comunidade local. Bibliotecas como puntos de encontro interxeracional, cuxa finalidade é achegar á toda a cidadanía en condicións de igualdade acceso á información e fomentar a lectura na comunidade que conforma.
Galicia tamén precisa o seu ano das bibliotecas, que lle proporcione un novo pulo a unha rede que leva resistindo de forma heroica seis anos de asfixia económica, sofrindo severísimos recortes orzamentarios (mesmo a pesar daquel 2010 estragado como ano da lectura), ao tempo que incrementando o número dos seus usuarios. Precariedade económica que continuará en 2015, xa que o seu orzamento para actividades e novas adquisicións continuará estancado, diminuíndo outros 100.000 euros a cantidade prevista pola Consellaría de Cultura para a adquisición de novidades editoriais impresas. Unha situración de privilexio, se a comparamos coa prevista para arquivos, cuxo orzamento diminúe un 8 %, a pesar da aprobación da Lei de Arquivos de 2014.
Neste contexto de precariedade bibliotecaria, sería moi significativa a implicación por simbólica que fose do presidente da Xunta, como fixo Artur Mas, en calidade de presidente do «Any de les biblioteques». Moito valorariamos un xesto de amizade de Feijoo co sector do libro e a lectura coma onte fixo co da automoción. Fago os meus votos por un ano das bibliotecas en Galicia.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir