Onte 1116: Tintimán en Lugo
Entre as novidades para o público xuvenil lanzadas neste mes non podemos deixar de reparar nunha nova entrega de Tintimán, a serie de Jaureguizar protagonizada polo que se presenta como «o reporteiro máis novo de Europa e Indonesia». Desta volta o xornalista estrela do Diario Galego viaxa a Lugo para participar nunha das vodas celtas do «Arde Lucus»; cidade á que, tras a aparición do corpo do arqueólogo Henrique Alcorta, regresará para intentar desvelar un misterio que o levará a recuperar os planos utilizados no século III na construción da Muralla e o Carneiro alado e Ribadeo, unha alfaia castrexa do Museo de Lugo. Coma nas novelas anteriores, a trama dunha complexa investigación técese sobre un fito histórico, onde aparecen personaxes actuais recoñecibles, como o alcalde López Horacio, o doutor Fernández Paz (director da Unidade de Medicina Tropical do HULA), o historiador Adolfo de Abel Vilela, Aurelia Balseiro (directora do Museo Provincial), o inspector Xosé Cid Cabido (da Brigada de Delitos Patrimoniais) e Marcos Calveiro (director xeral de Patirmonio). Ademais, non faltan nin o humor nin o terror nin o amor nin a aventura trepidante. Con este Tintimán en Lugo, Jaureguizar acada a plena madurez dunha serie a que o ilustrador Matalobos deu unha imaxe de seu, moi atractiva e actual. Aventuro que Tintimán continuará engaiolando como as entregas que protagonizou en Santiago, A Coruña e Vigo.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir