Onte 1106: Con Ana Acuña en Marín
Acompañamos onte a Ana Acuña na presentación no Museo Manuel Torres de Marín do seu libro Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000). As profesoras Chus Nogueira e Olivia Rodríguez fixeron dúas grandes intervencións nas que salientaron a importancia deste libro para a historia da literatura galega.
Para Chus Nogueira Conciencia política e literatura galega en Madrid é «un libro necesario, xa que estuda a creación cultural nunha diáspora que até agora non fora estudada de forma sistemática; un libro, pois, pioneiro». «Un libro que establece unha estreita relación entre a creación literaria e a conciencia política. Os chamados “madrigalegos” teñen unha conciencia de subalternidade con respecto á metrópole galega». «Ana Acuña ofrece unha minuciosidade e un rigor que permite unha lectura agradable. Un texto capaz de harmonizar sentimentos, emocións e o rigor da investigación filolóxica». Continuou Nogueira salientando a importancia da obra, xa que «propón unha periodización, polo que estamos diante dunha auténtica Historia da Cultura Galega en Madrid». Rematou Chus insistindo no carácter comprometido do libro, «xa que dá voz os esquecidos», e no seu carácter de «libro fundamental para comprender unha parte da historia da cultura galega do século pasado».
Pola súa banda, Olivia Rodríguez comezou definindo a Ana Acuña como «unha sabia, unha das persoas máis importantes da cultura galega do noso tempo». Salientou despois «a lectura amena e fluída dun texto froito dun traballo titánico, artellado sobre as contribucións de 54 persoas que conversaron coa autora». DSalientou despois a importancia do estudo e da proposta de periodización dos cinco grupos xeracionais presentes no libro, dos que apenas era coñecido en Galicia o segundo, o grupo Brais Pinto, é dicir, Mocidade Universitaria, Grupo Unesco, Lóstrego e Irmandade Galega e Grupo Bilbao, o máis recente e do que forma parte a propia Acuña. Rematou Olivia Rodríguez valorando como un acerto a utilización do método de estudo de historias de vida, o que facilita o multiperspectivismo na abordaxe da fraxilidade da historia do tempo presente.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir