Onte 1010: O galego desaparece de Infantil
Os resultados da enquisa da Mesa pola Normalización sobre o uso do galego como lingua vehicular dos centros de Educación Infantil (o que inclúe o emprego de materiais didácticos en galego) testemuña o que xa coñeciamos: o Decreto de Plurilingüismo provocou a súa práctica desaparición en todas as cidades. Tras catro cursos de Política Lingüística de Feijoo, o galego xa é de facto unha lingua estranxeira, allea e descoñecida para os nosos picariños, mesmo máis co inglés, que chegan á Educación Primaria sen apenas competencia oral ningunha na lingua propia nin experiencia do seu emprego no momento decisivo das aprendizaxes da lectura e escritura.
A pesar de que a Xunta nega esta evidencia, aferrándose a súa pax lingüística, este retroceso prodúcese en todo o territorio galego, sobre todo nas vilas, como ben coñecemos os editores pola diminución brutal das vendas dos nosos métodos de Educación Infantil en galego. Polos datos dos que dispoñemos estimo que a porcentaxe de alumnado deste nivel escolarizado de forma predominante en galego está entre o 10 % e o 15 %, entre dous e tres mil picariños por cada nivel de idade. Apenas outro síntoma da aceleración do proceso de substitución lingüística, unha desfeita cultural cuxas consecuencias dubido saiban valorar as persoas que promoveron contra vento e marea a modificación do modelo lingüístico educativo do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004. Un dano para a lingua galega xa dificilmente reparable.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir