Onte 1000: Seguimos
O 9 de setembro de 2011 comezamos unha serie de anotacións co título «Onte», coas que pretendiamos recuperar a escrita hipertextual no blog. Acadamos o número 1000 deses textos diarios (apenas fallamos media ducia de días), a maior parte deles breves e en diálogo cunha imaxe significativa. A serie, xa a máís voluminosa do blog, foise conformando como unha certa crónica do meu traballo como editor e cidadán galego nun tempo crítico. Esa é a razón pola que a edición e a política son os fíos principais do relatado. Xaora, nestes ontes tamén aparecen uns poucos de temática futbolística (completando a serie de prosas celestes «Campo do Fragoso») ou de carácter memorialístico ou persoal. En todos eles, coa excepción obrigada das crónicas das presentacións literarias, o afán foi o da brevidade e o do esforzo por utilizar unha prosa hipertextual económica. Continúo acreditando no papel esencial do blog, como cerna e arquivo da miña identidade dixital, expresada tamén en Twitter, Facebook e Pinterest, onde tamén se publican. A escrita dun blog é unha aprendizaxe permanente, unha ollada á espreita, unha disciplina por compartir e escoitar. Seguimos.
Parabens e moita FORZA para continuar os teus análisis tan interesantes