O túnel de Elduayen
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a proposta de peonalizar a rúa Elduayen:
Na presentación de «Camiñar no Vigo vello», o novo libro de Pedro Feijoo, que na sexta feira pasada reuniu a un cento de persoas na Casa-Torre de Pazos Figueroa, unha das marabillas máis antigas da cidade, situada na antiga praza Vella, ao fío da descrición das case descoñecidas catacumbas viguesas suscitouse dende o público a posibilidade de que o traxecto do túnel previsto na rúa Elduayen, que permitirá peonalizar a Porta do Sol, se alongase até o Paseo de Afonso, o primeiro miradoiro sobre a Ría. Unha medida que, sen dúbida, revolucionaría a intervención urbanística que dende hai tres décadas o Consorcio do Casco Vello ven acometendo con éxito desigual sobre o Vigo vello xa que permitiría suturar de vez a ferida existente, desde a apertura da Travesía da Porta do Sol á estrada de Baiona (a actual rúa Elduayen), entre o Barrio alto e o perímetro urbano comprendido entre a Porta do Sol e o Berbés. Unha ampliación do túnel que, ademais, permitiría recuperar o Paseo de Afonso e a contorna da Oliveira como o salón de estar de privilexio do Vigo do novo século, sempre que fosen adiante os proxectos de recuperación da Panificadora e do Barrio do Cura, espazos (para a vergonza de todos) hoxe abandonados e cada día máis deteriorados e marxinalizados.
Dos túneles vigueses falou Feijoo na presentación lembrando o que se abriu a finais do século XIX para evitar o paso pola Porta do Sol, o famoso túnel dos Caños que conectaba para os peóns o antigo barrio do Salgueiral, onde hoxe ten a súa sede o Colexio de Arquitectos, coa rúa Vitoria. Unha catacumba da que hoxe quedan vestixios na boca cegada ao remate do canellón dos Caños, esa praciña existente á esquerda do teatro García Barbón, como outra no canellón de Juan Nogueira Alonso, nas inmediacións da Alameda. Como tamén citou Feijoo os túneles existentes baixo as rúas de Santiago, do Pracer e o Paseo de Granada, unha galería que conecta co túnel que baixaba dende o Monte do Castro até a batería da Laxe, fronte ao Náutico. Como non esqueceu tan magnífico cicerone, que tras a presentación guiou a un numeroso grupo de persoas pola rúa Real, describir o túnel do «Tren do Peixe», eses apenas douscentos metros que unían a rúa Afonso XII e a actual de Rosalía de Castro, pasando por Santiago de Vigo, itinerario polo que circulou o tren que sacaba o peixe do Berbés até a clausura das vías en 1963. Relación de túneles vigueses aos que hai vinte anos se uniu o de Beiramar, que sacou o tráfico das Avenidas na controvertida actuación de «Abrir Vigo ao Mar».
A prolongación do túnel da Porta do Sol até o Paseo de Afonso permitiría peonalizar a rúa Elduayen, que fora concibida en 1879, unha vez derrubadas as murallas, no proxecto de apertura de Manuel Fernández Soler, como un vial para aliviar o tráfico no interior da cidade, que entón saía pola rúa Sombreireiros (moito máis longa de como a coñecemos hoxe) e facilitar, en definitiva, a saída cara ao barrio da Falperra e a estrada de Baiona. Travesía de Vigo, que dende 1887 leva o nome de Elduayen, tamén o principal valedor desta primeira avenida viguesa, que unha vez aberta dividiu á metade a vella cidade. Dúas partes moi diferenciadas que, como sinala Pedro Feijoo, co paso dos anos por desgraza acabarían por correr sortes moi dispares.
Xaora, Elduayen, a pesar do seu carácter de vía de circunvalación, por onde sempre pasou o tranvía e un tráfico cada vez máis denso, coñeceu até hai catro décadas unha actividade comercial e residencial vizosa que moi pouco ten que ver coa precariedade actual, a pesar de existir unhas poucas edificacións ben recuperadas. Coa excepción de El Buen Gusto, a Corsetería Imperio e a Farmacia de Crespo, que se manteñen abertos dende hai décadas, non é difícil lembrar que nesta rúa estiveron abertas as galerías de Asefal, a moblaría de Cambón, máis de media ducia de tendas de vestiario como Paños Vergas e Confecciones Gallego (a mítica tenda de don Benjamín), o establecemento de electricidade de Santiago Vidal, librarías como Pax e a editora Cíes de Eugenio Barrientos, así como varios bazares, zapatarías e algunhas reloxarías (como a mítica de Valderas) nos baixos da praza de Argüelles.
De alongarse o túnel de Elduayen, reactivaríase a actividade comercial nesta rúa centenaria e os peóns contariamos coa posibilidade de camiñar sen o bulir dos vehículos dende o Paseo de Afonso até a Farola de Urzaiz. Un fito que alongaría o eixo comercial de Príncipe até a Oliveira, o que previsiblemente contaxiaría, como sucedeu en Pontevedra, a outras rúas próximas, tanto cara o Barrio alto, a Ferrería e a rúa San Sebastián, como cara as rúas que abrazan o barrio do Berbés. Pagaría a pena que a alcaldía valorase as posibilidades de acometer este proxecto que podería ser estratéxico para a recuperación total do Vigo vello.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir