O serán de Agustín

O de onte en San Simón foi un serán memorable. O incrible dobrete de Rosa Aneiros e as senllas intervencións para agradecer cada un dos premios, a atrevida novela infantil de Jacobo Serrano, as intervencións dos membros dos tres xurados, a elección do agasallo para os participantes, a merenda saborosa que nos preparou Fita, a presentación da velada e a organización perfecta de Celia, as zanfonas de «Sobre rodas», a retransmisión por Blogaliza.tv, as travesías delicadas de Ángel, o agarimo dos trescentos amigos e amigas foron algunhas das cousas bonitas dun serán no que ata a chuvia nos deu unha tregua sobre a ría durante seis horas. Con todo, o de onte foi o serán de Agustín que arrollou cun discurso extraordinario. Un aplauso longo, longuísimo (nunca tal vira nun acto literario) de trescentas persoas en pé agradeceron esas palabras firmes e luminosas. A súa defensa do papel da creación literaria en lingua galega como forma de participar na cultura da humanidade pasará a formar parte do arquivo dos grandes discursos da literatura galega. Apenas recollo un fragmento do discurso, titulado Oito doas para San Simón,  que se pode descargar completo dende aquí:

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/JOxizWAI9zg" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/uXYv5GRFYgg" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Estamos afeitos a traballar en situacións adversas. Na historia da nosa literatura as liñas de resistencia activa veñen de lonxe. De Rosalía, rebelándose contra o feito de sentirse estranxeira na súa patria; de Curros, que denuncia a ameaza dos lobos e clama pola unión; de Cunqueiro pechado na súa bufarda de Mondoñedo a soñar as mil primaveras para a lingua estigmatizada; de Celso Emilio, falándolle como un irmau solidario a todos os desposuído do mundo… A nosa forma de participar na cultura da humanidade é desenvolvendo a cultura galega. Temos dentro de nós a materia que lle pode interesar a calquera persoa en calquera lugar do mundo, só precisamos plasmala a través do proceso de creación. Para conseguilo, cómpre chantar os pés na nosa realidade e, coas raíces na terra, abrirnos a todos os ventos culturais do mundo. Porque aquí están as fábricas da imaxinación das que fala Manuel Rivas, delas poden saír creacións que tamén se lean en toda a periferia mundial. Obras cargadas de vida, obras cunha luz tan forte que sexa imposible de agochar. Un dos trazos máis significativos da cultura galega, que tan ben souberon expresar os membros da Xeración Nós, é a súa vocación de ser célula de universalidade, a súa vontade de ser unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas: a súa conciencia de que só se pode ser universal desde as propias raíces

4 comentarios
  1. Alfredo Ferreiro
    Alfredo Ferreiro Dice:

    O ambiente que vivimos alí en xeral, en no discurso de Agustín en particular, non é facilmente descritíbel. Semellaba que as grandes verdades que alí se defendían xa nunca poderán ser ocultadas porque dispomos da vontade e dos medios necesarios para satisfacer a necesidade que temos de vivir en galego. Unha necesidade que debemos divulgar aos catro ventos, unha necesidade REAL que non poderá ser empecida por calquera política de exterminio cultural.

Trackbacks y pingbacks

  1. […] de pé para aplaudir a Agustín Fernández Paz, que compuxo un texto onde se tecían con tenrura ideas como a memoria, a […]

  2. […] no seu discurso como mantedor literario dos Premios Xerais 2009. E claro, claro que ao escoitalo aplaudimos postos en pé. Se non nos poñemos en pé por Agustín, por quen o habemos de […]

  3. […] no seu discurso como mantedor literario dos Premios Xerais 2009. E claro, claro que ao escoitalo aplaudimos postos en pé. Se non aplaudimos en pé por Agustín, por quen o habemos de […]

Los comentarios están desactivados.