O máis destacado no eido da lectura en Galicia (2010)
Propóñome ao longo desta derradeira semana do ano escribir varias anotacións de balance sobre o que entendo foron as noticias máis destacadas no eido da lectura neste 2010 que remata:
- O premio Fipresci que en Cannes recibiu Todos vós sodes capitáns, a película de Oliver Laxe [a pesar de tratarse de cinema, é unha noticia claramente literaria, polas características da obra e o discurso do seu director]
- A lección de coherencia e dignidade do escritor Agustín Fernández Paz.
- A consolidación do proxecto do plan de mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia.
- O fracaso do Ano [bonsai] do Libro e da Lectura de Galicia.
- O éxito de público e de lectores dun bo monllo de novelas publicadas ou premiadas ao longo do ano: A intervención de Teresa Moure, O Cabo do Mundo [Premio da Crítica] de Xabier Quiroga, Sete palabras [Premio da Crítica Galicia] de Suso de Toro, Denso recendo a salgado de Manuel Portas, O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, Todo é silencio de Manuel Rivas, Periferia de Iolanda Zúñiga, Asasinato no Consello Nacional de Diego Ameixeiras, Futuro imperfecto de Xulia Alonso Díaz… [desculpas por non poder citar outras tantas novelas valiosas publicadas en 2010] Un feito que demostra a vitalidade da nosa ficción e o apoio da sociedade de lectores e lectoras, ao que non son alleos o funcionamento dos Clubes de Lectura das bibliotecas públicas, outro dos fenónomenos culturais do ano.
Iniciativas ás que habería que engadir outras tan interesantes como foron a creación do Clúster da Edición, librería e comercialización; a recuperación de Cultugal, da man dunha asociación intergremial de industrias culturais; os primeiros libros dixitais infantís en galego da editorial Galaxia; os booktrailers de Xerais, distribuídos na TVG e Internet; a posta en marcha de Redelibros, como a primeira rede social de lectura en Galicia; as actividades de asociacións de voluntariado pola lectura como Espazo Lectura ou a celebración dos Galeuscas de escritores na Coruña.
Trackbacks y pingbacks
[…] A pesar do fraquísimo «Ano do Libro da Lectura» promovido pola Consellaría de Cultura, as experiencias de fomento da lectura en Galicia colleron en 2010 un importante pulo en Galicia. Entre todas elas destaca pola súa dimensión e enorme transcedencia o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), promovido dende o curso 2006/2007 pola Consellería de Educación, o que para nós constitúe unha das noticias máis destacadas do ano. […]
[…] co cinema que supera toda clase de fronteiras, linguas e culturas. Non teño dúbida que é unha das máis importantes noticias literarias deste 2010. Anuncia que o mellor de Oliver Laxe aínda está por chegar. de momento as nosas Beizóns para el […]
Los comentarios están desactivados.