O legado de Belgrano
Dediquei o artigo do domingo en Luzes á venda do Centro Gallego de Bos Aires:
O caso da venda do Centro Gallego de Bos Aires, situado en Belgrano 2189, explicouno Xosé Manuel Pereiro nunha das súas crónicas hiperbóreas (marabillosas) en CTXT. Abonda con reiterar ao seu relato que coa a posible venda do Centro por corenta e poucos millóns de euros á Fundación Favaloro e ao grupo sanitario español Ribera Salud perigaría o control galego dunha parte esencial do patrimonio da diáspora galega do século XX. Un edificio tesouro onde está instalado o Teatro Castelao, o cuarto 202, onde morreu Daniel, e o panteón social que acubilllou o seu corpo até que foi levado á Galicia territorial. Unha institución sanitaria, hoxe en devalo, mais que atendeu durante décadas a unha parte da comunidade galega, capaz de conservar un arquivo sonoro e audiovisual, a biblioteca Manuel Murguía de máis de vinte mil volumes, boa parte de libro galego, e unha sala de exposicións bautizada co nome de Isaac Díaz Pardo. Un centro que, ademais, constitúe en si mesmo unha das nosas primeiras pinacotecas, onde se expoñen algúns dos cadros insignia da pintura galega do século XX: “A familia do cego” de Castelao, “Nacemento” de Díaz Pardo, “Feira de Ourense” de Colmeiro, “A sesta” de Maside, “Contos de nenos” de Laxeiro, “Emigrantes” de Seoane, entre moitos outros.
Como sinalou Pereiro no seu fermoso artigo gárdase alí “a memoria da pobreza, a dignidade e o exilio” da colectividade galega que foi construíndo durante 110 anos coas súas achegas, tinguidas de orgullo e amor á Terra, unha mutualidade de socorro mutuo para atender a saúde dos seus, ao tempo que forxou un legado para preservar a súa cultura e identidade. Descoñecemos se existe unha alternativa á venda “inevitable” da histórica institución, intervida hoxe polo Estado arxentino, tanto no que atinxe a xestión sanitaria da súa mutualidade médica, o que pon en risco a atención dos varios miles de usuarios, boa parte deles maiores, como na conservación deste patrimonio tan valioso da Galicia emigrante. Como semella que diante de situación tan crítica do Centro de Belgrano non pode continuar calada a Xunta de Galicia que, desde que goberna Alberto Núñez Feijoo, se foi desfacendo dun problema do que algúns membros da colectividade a fan responsable.
Xaora, semella sensato que a conservación en mans da colectividade galega do legado asociativo e cultural de Belgrano 2189 fose unha condición sine qua non para aceptar a venda do histórico edificio e da mutualidade médica. Unha solución que desbotaría de raíz a posibilidade do traslado do legado cultural a Galicia como propuxo esta semana o BNG, cremos que de forma tan entusiasta como pouco meditada. E hai razóns abondas que aconsellan que este legado cultural e histórico da Galicia non territorial, conformado durante décadas polas angueiras da colectividade da diáspora en Arxentina, continúe sendo un corpus único que debe ser alí protexido, conservado e posto en valor, como expresión da identidade, da memoria e do orgullo das diversas xeracións da colectividade galega. Esta é a solución que se lle deu en Bos Aires a importantes legados culturais como o italiano ou alemán, e na que podería afondar o caso galego.
E iso non elude de maneira ningunha a responsabilidade e a implicación da Xunta de Galicia neste tema, xa que non pode deixar de asistir sanitariamente a uns compatriotas nin deixar ao chou o que poida suceder cunha parte do patrimonio cultural galego, a pesar de que non forme parte da Galicia territorial. Nada do que poida acontecer nas comunidades galegas da diáspora, tanto as da emigración como as do exilio, pode resultarlle alleo á Xunta de Galicia, ás propias deputacións provinciais como ao propio Gobierno de España.
O que suceda co legado de Belgrano 2189 marcará nos vindeiros anos a forma de entender os conceptos de emigración, galeguidade e, mesmo, de Galicia como comunidade extraterritorial. Unha cuestión política de primeira orde que entra a forma parte da axenda pública galega.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir