O futuro das deputacións
No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre as deputacións provinciais ao fío da proposta da súa supresión.
O pacto de investidura entre o PSOE e Ciudadanos, que entre os cinco puntos da súa proposta de reforma constitucional exprés incluíu a supresión das deputacións provinciais de réxime común e a creación de Consellos Provinciais de Alcaldías, reabriu o debate sobre o futuro das deputacións. Alizerzada na historia, dende o seu recoñecemento na Constitución de 1812 e na división territorial de Javier de Burgos, que creou en 1833 a estrutura centralizada do estado borbónico, dividido en 15 rexións e 49 provincias, esta organización política provincial foi recoñecida na Constitución da República de 1931, manténdose no substancial na vixente de 1978, introducíndose, dende entón, algunhas modificacións nominais e axustes territoriais.
A pesar das profundas mudanzas políticas, económicas e sociais e mesmo das convulsións históricas destes dous séculos, as provincias continuaron sendo as entidades locais básicas da organización territorial, administrativa e política do estado español, funcionando como circunscricións electorais e unidades territoriais nas Comunidades Autónomas. Un modelo provincial gobernado e administrado de forma autónoma por cada unha das deputacións provinciais, entidades que ademais colaboraban cos concellos na prestación dalgúns servizos.
Dende 1983, cando se constituíron como comunidades autónomas as provincias de Madrid, A Rioxa, Murcia e Navarra, existen 38 deputacións provinciais de réxime xeral que contan coas competencias outorgadas pola Lei de Bases de Réxime Local 7/1985: a coordinación e, en determinados casos, a prestación unificada de servizos dos concellos do seu territorio (dende o tratamento de residuos nos concellos de menos de 5.000 habitantes, á prevención e extinción de incendios ou a prestación de servizos de administración electrónica naqueles de menos de 20.000 habitantes); a cooperación no fomento do desenvolvemento económico e social; a planificación do territorio e a cooperación nas obras e servizos de competencia municipal para o que artellan os seus plans provinciais anuais; así como o fomento e a administración dos intereses particulares da provincia.
Se descendemos ao concreto, comprobamos que no caso da Deputación Provincial de Pontevedra, unha institución que xestiona en 2016 un orzamento de 151 millóns de euros (dos que case dez corresponden a investimentos reais), estas competencias supoñen o desenvolvemento de programas en terreos tan diversos como o emprego, os servizos sociais, os programas de igualdade, as infraestruturas básicas (camiños e estradas), os servizos agrarios (Laboratorio de Mouriscade, Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Centro de Investigación Forestal de Lourizán), o medio ambiente, o turismo (Turismo Rías Baixas, Aeroporto de Peinador), a cultura (Museo de Pontevedra, Imprenta Provincial, Arquivo), a lingua (Servizo de Publicacións), o deporte (Estadio de Balaídos), o patrimonio (Castelo de Soutomaior), a educación (Escola de Canteiros), a infancia (Centro Príncipe Filipe), as novas tecnoloxías entre outras. Institucións e servizos provinciais, cuxa prestación semella necesaria, que no caso de que se producise a supresión das deputacións provinciais serían transferidos (xunto coas súas competencias) nuns casos á Xunta de Galicia e noutros á Área Metropolitana de Vigo, que se configura como o órgano supramunicipal de referencia para 24 concellos.
Estimado por Albert Rivera como un aforro entre os catro e cinco mil millóns de euros, o que é verosímil cos 8.000 millóns de euros que estas entidades manexaron o ano pasado, dos que preto de 500 millóns corresponderon o das deputacións galegas, non é o financeiro o único criterio que xustifica a desaparición das deputacións. Reducido de forma moi significativa o importe da súa débeda, o problema das deputacións de réxime xeral non é nin o custe nin a eficiencia dos servizos que ofrecen aos concellos. O seu é, sobre todo, un problema político relacionado coa superación do modelo clientelista, caciquil e familiar co que foron xestionadas durante décadas, tanto na ditadura como dende a aprobación da Constitución, acuñando un xeito partidista de facer política provincial, fenómeno que por desgraza aínda pervive en Galicia.
As deputacións provinciais, como a propia organización provincial, terían moi difícil encaixe nun novo mapa administrativo e político que rediseñase tanto o obsoleto mapa municipal actual (agrupando concellos) como recoñecese a realidade das áreas metropolitanas, rexións urbanas e comarcas rurais e transferise a estas novas entidades supralocais as competencias e recursos que lles corresponde. O futuro das deputacións esta neste debate sobre a reorganización do territorio.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir